Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña apoia con 60.000 euros a programación cultural da Real Academia Galega

Permitirá financiar o 80% do orzamento das actividades, nas que este ano adquire un especial protagonismo a figura de Emilia Pardo Bazán polo seu centenario

A Deputación da Coruña apoia con 60.000 euros a programación cultural da Real Academia Galega

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o seu homólogo da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron na sede da institución provincial o convenio polo que a Deputación financia a programación cultural da entidade durante o ano 2021

A Deputación achega 60.000 euros, un 80% do orzamento que a Real Academia inviste nas actividades da súa programación anual, na que este ano adquire un especial protagonismo a figura de Emilia Pardo Bazán pola conmemoración do centenario do seu pasamento.

Así, as actividades que se financian son: o congreso e a realización dunha páxina web polo centenario de Emilia Pardo Bazán, o sinalarium da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, un estudo sociolingüístico sobre as prácticas lingüísticas na infancia nos diferentes contextos de socialización e a avaliación da efectividade das políticas lingüísticas de infantil e primaria do periurbano galego, o 'Primavera das Letras' centrado en Xela Arias e a publicación do Boletín da RAG número 381 dedicado a Ricardo Carballo-Calero.

González Formoso incidiu na importancia de apoiar o traballo que leva a cabo a RAG na promoción da lingua e cultura galegas "e o seu incalculable labor cos máis pequenos para garantir o futuro do idioma", obxectivo no que se centran moitas das actividades da programación anual.

Pola súa banda, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, agradeceu o apoio da Deputación para manter, ano tras ano, a actividade desta institución centenaria.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X