Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña e AGALURE levarán a máis concellos o programa piloto de prevención de ludopatías no vindeiro curso escolar

Ana Lamas destaca a excelente acollida do plan, que este ano se levou a cabo en 18 institutos de secundaria de pequenos municipio da provincia

A campaña en redes "Non xogues co xogo", que contou coa colaboración de coñecidos artistas galegos alcanzou a máis de 50.000 persoas

A Deputación da Coruña e AGALURE levarán a máis concellos o programa piloto de prevención de ludopatías no vindeiro curso escolar

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, reuniuse coa directiva de AGALURE para valorar os resultados do programa piloto de prevención de ludopatías que ambas entidades desenvolveron este ano en centros escolares de 18 concellos da provincia e valorar a súa extensión a máis municipios durante o vindeiro curso escolar.

O coordinador de Agalure, Gerardo Rodríguez, destacou a boa acollida da que gozou o programa, tanto nas charlas dirixidas ao alumnado de 3º e 4º de ESO coma nas reunións cos técnicos dos concellos e a comunidade escolar, co obxectivo de axudar a detectar e previr as adicción ao xogo entre os adolescentes.

Pola súa banda, Ana Lamas, informou que a área de Benestar Social da Deputación recibiu numerosas peticións de concellos da provincia para adherirse ao programa, polo que o seu departamento formula a súa extensión a un maior número de municipios de cara ao curso escolar 2021-2022.

"Trátase dun plan pioneiro no seu campo, que este curso chegou a 18 pequenos concellos das distintas comarcas da provincia, pero que imos intentar ampliar e reforzar de cara ao curso 2021-2022 para que poda chegar a toda a mocidade da provincia e axude a concienciar as estudantes e ás súas familias dos importantes riscos que comportan novas modalidades coma o xogo online e outro tipo de adiccións sen substancia, nas que Agalure é unha referencia".

Ana Lamas destacou tamén que a Deputación e Agalure lanzaron, o pasado mes de maio, a campaña en redes sociais "Non xogues co xogo" e agradeceu a colaboración nela de coñecidos artistas coma Xosé Antonio Touriñan, María Mera, David Perdomo ou o dúo Verto "para facer chegar este importante mensaxe á xuventude nunha campaña que tivo un alcance de máis de 50.000 persoas, a maior parte deles xente moza".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X