Estás en:Emprego Son Concello Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial

Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial

A III edición do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial (PEL-EPR PREMIO) enmárcase dentro do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña (2016-2019), una estratexia integrada de cooperación para o desenvolvento sustentable da provincia que ten como principal obxectivo fixar poboación nos concellos e contribuír a un crecemento sustentable dos mesmos, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a empregabilidade das persoas en situación de desemprego, especialmente no ámbito rural.

O Premio convocase coa finalidade de recoñecer e valorizar as iniciativas e o traballo realizado polas empresas, asociacións empresariais e concellos, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradores/as de riqueza e emprego, contribuíndo á súa sustentabilidade e fomentando a cultura emprendedora na provincia.

Así mesmo, o presente premio tamén pretende aportar un valor engadido ás empresas mediante a súa concesión, facilitándolles soporte e respaldo para transformar ideas actuais en emprego de calidade e contribuíndo a dinamizar novos proxectos.

Esta terceira edición supón un acontecemento clave no mundo empresarial da provincia. Ao éxito na recepción de candidaturas nas dúas primeiras edicións, un total de 148, súmase a alta confluencia de asistentes ao acto de entrega. Ademais na terceira edición increméntase a número de categorías, dando cabida non só as empresas, senón tamén aos concellos que impulsan a xeración de emprego e ás asociacións empresariais da provincia.

O orzamento total destinado a sufragar o Premio ascende a 75.000 euros. Esta contía repartirase entre as cinco categorías, o que supón un galardón de 15.000 euros para cada unha delas.
En definitiva, a III edición do Premio provincial á mellor iniciativa empresarial pon de manifesto a forte aposta que está a realizar a presente corporación provincial polo emprendemento, pola innovación no emprego e polo fomento das pequenas e medianas empresas, como peza clave no desenvolvemento económico da provincia.

BASES                                        

OBXECTO

A súa finalidade consiste en premiar as iniciativas e o traballo realizado polas empresas, asociacións empresariais e concellos, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradores/as de riqueza e emprego, contribuíndo á súa sustentabilidade e fomentando a cultura emprendedora na provincia.

CATEGORÍAS

1) Premio á mellor iniciativa empresarial nova
Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as cuxa data de constitución (inscrición no rexistro público correspondente) e data de alta censual teñan una antigüidade máxima dun ano.
Valorarase a orixinalidade do proxecto empresarial, a súa capacidade de expansión, así como o seu carácter innovador e a creación de emprego no territorio, entre outros.


2) Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada
Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as cuxa data de constitución (inscrición no rexistro público correspondente) e data de alta censual teñan una antigüidade mínima de 5 anos.
Valorarase a traxectoria empresarial, postos de traballo creados, presenza feminina na empresa, sistemas de responsabilidade social implantados, entre outros.


3) Premio á mellor iniciativa empresarial xeradora de emprego
Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que contribúan á creación de emprego e, consecuentemente, ao desenvolvemento socioeconómico e a fixación da poboación.
Valorarase o incremento no número de empregados/as, o incremento das contratacións indefinidas, as medidas sociolaborais de RSE implantadas pola empresa, entre outros.


4) Premio ao concello promotor do emprego de calidade
Para concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que impulsen a iniciativa empresarial e o emprendemento, promovan a xeración de emprego de calidade e contribúan á fixación da poboación.
Valorarase a xeración de emprego, a inclusión de colectivos en risco de exclusión social, o fomento do traballo colaborativo e a poboación do municipio, entre outros.


5) Premio á mellor asociación empresarial
Para asociacións, agrupacións, federacións e confederacións de empresarios/as da provincia da Coruña.
Valoraranse os servizos ofertados pola asociación, as actividades e proxectos postos en marcha pola mesma, os logros acadados, entre outros.

REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN

Poden participar neste premio pequenas, medianas empresas, microempresas, autónomos/as, asociacións empresariais e concellos de menos 20.000 habitantes da provincia da Coruña. A participación será gratuíta e só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida de xeito telemático, a través da plataforma Subtel. O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto desde o 6 de febreiro ata o 28 de febreiro ás 14.00 horas. A mera presentación das candidaturas en tempo e forma suporá a súa aceptación no proceso de valoración e selección.

PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS

Para a participación na convocatoria en calquera das cinco categorías, deberase presentar a seguinte documentación obrigatoria:


Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as
Memoria de candidatura da categoría correspondente:
- ANEXO I para as candidaturas á 1ª categoría
- ANEXO II para as candidaturas á 2ª categoría
- ANEXO III para as candidaturas á 3ª categoría
- Certificado de situación censual expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria
- No caso de autónomos/as, duplicado de resolución de alta en réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos actualizado
- No caso de pequenas e medianas empresas e microempresas, escritura de constitución da entidade o e as súas modificacións ou variacións posteriores no caso de que as houbera, ou calquera outro documento análogo no que figuren os estatutos, estipulacións ou contratos privados, así como a inscrición no rexistro público correspondente, no caso de persoas xurídicas

Concellos
ANEXO IV: memoria de candidatura para a 4ª categoría


Asociacións empresariais
- ANEXO V: memoria de candidatura para a 5ª categoría
- Escritura de constitución da entidade e as súas modificacións ou variacións posteriores no caso de que as houbera, ou calquera outro documento análogo no que figuren os estatutos, estipulacións ou contratos privados, así como a inscrición no rexistro público correspondente no caso de estaren obrigadas

ELECCIÓN DAS CANDIDATURAS GAÑADORAS

Unha vez finalizado o prazo para presentar candidaturas procederase a súa valoración por parte do xurado. Este xurado estará constituído por:

• Dous representantes da Deputación da Coruña: o Presidente da entidade provincial e o Xefe do Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego ou persoas nas que deleguen.
• Dous representantes das Cámaras de Comercio con ámbito territorial na provincia da Coruña.
• Dous representantes do ámbito universitario da provincia da Coruña vinculado aos eidos da empresa e da innovación.
• Un/unha representante de asociacións, federacións, confederacións de empresarios/as con presenza na provincia da Coruña.
• Un/unha empresario/a con dilatada experiencia no eido empresarial e de recoñecido prestixio na provincia da Coruña.

O Presidente da Deputación da Coruña ostentará a Presidencia do xurado. En caso de ausencia deste, a presidencia será exercida polo membro de maior idade. Así mesmo, o Xefe do Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego, ou persoa na que delegue, exercerá a Secretaría do mesmo.

Valoraranse as candidaturas presentadas co fin de establecer unha prelación entre as mesmas de acordo cos criterios fixados nas bases reguladoras da convocatoria e adxudicar co límite establecido, aquelas que obtiveran maior valoración na aplicación de ditos criterios.
Os acordos do xurado adoptaranse por maioría simple. No caso de empate entre candidaturas procederase a unha nova votación, na que só se terán en conta as candidaturas que obtiveran a mesma puntuación. Se o empate persistise trala segunda votación, o Presidente do xurado decidirá mediante voto de calidade.

PREMIOS

En 2019 o orzamento do PEL destinado ao Premio ascende a un total de 75.000 euros, o que supón un premio en metálico por un importe bruto de 15.000 euros por categoría. Sobre esta contía realizaranse as retencións correspondentes do ordenamento tributario regulador do IRPF e do Imposto de Sociedades.

CONCESIÓN

A concesión do premio realizarase mediante Resolución da Presidencia a proposta motivada do xurado.
As candidaturas gañadoras daranse a coñecer nun acto de entrega de galardóns organizado pola entidade provincial.
A Resolución de concesión será publicada no BOP, no taboleiro de anuncios e na páxina web do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.
O prazo de resolución da presente convocatoria e notificación as entidades e persoas interesadas, será o máximo previsto no artigo 25.4 da Lei Xeral de Subvencións, que establece que non poderá exceder de seis meses, salvo que unha norma con rango de lei estableza un prazo maior ou así veña previsto na normativa da Unión Europea.

GARANTÍAS

A participación no III Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial, en calquera das súas categorías, implica a aceptación íntegra e incondicional das bases reguladoras.

As candidaturas presentadas deberán garantir absoluto respecto aos dereitos da propiedade intelectual ou industrial de terceiros. Neste sentido, a/o participante deberá declarar que é titular de todos os dereitos de propiedade intelectual e industrial que lle puideran corresponder, eximindo a organización de calquera tipo de controversia, disputa ou litixio que poida derivarse da selección e explotación da candidatura presentada.

PROTECCIÓN DE DATOS

As candidaturas que presenten datos de carácter persoal con motivo da súa presentación á convocatoria, consenten expresamente a incorporación de ditos datos a un ficheiro propiedade da Deputación da Coruña, así como o seu tratamento e utilización na xestión da convocatoria.

Igualmente, os/as candidatos/as consenten a utilización por parte da entidade provincial, da súa imaxe corporativa, nome completo e vídeo de candidatura en calquera tipo de publicidade, promoción, publicación ou calquera outro medio de difusión, da natureza que fose, con fins informativos ou promocionais sempre que exista relación co Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial.

De acordo co disposto na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados serán tratados coa finalidade de poder atender a súa candidatura. Os devanditos datos serán tratados de xeito confidencial, e só poderán ser cedidos, nos casos contemplados na Lei. Comunicámoslle que pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación ó tratamento e portabilidade dos seus datos, perante a Deputación da Coruña en Avenida Porto da Coruña, 2, 15003 A Coruña, ou dirixindo un correo a delegadodeprotecciondedatos@dacoruna.gal

 

OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE

Bases reguladoras publicadas no BOP (nº 13 de 18 de xaneiro de 2019)

Convocatoria publicada no BOP (nº 25 de 5 de febreiro de 2019)

Plataforma de tramitación telemática Subtel 

Prazo de presentación: desde o 06/02/2019 ás 00.00 horas ata o 28/02/2019 ás 14.00 horas

Referencia da convocatoria en Subtel: PEL-EPR PREMIO

EDICIÓNS ANTERIORES                              

Primeira edición (2016)

Bases
Convocatoria
Folleto informativo
Resolución pola que se aproba a concesión do I Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial

Segunda edición (2017)

Bases
Convocatoria
Folleto informativo
Resolución pola que se aproba a concesión do II Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial

Terceira edición (2019)

Bases
Convocatoria

          

Gañadoras II edición

Premio Provincial á mellor iniciativa empresarial xove                

Esta empresa de Ames creou a app "DIÑERO VIRTUAL", aplicación web que utiliza diñeiro ficticio, sen valor real, para realizar simulacións de investimentos. Esta iniciativa empresarial foi escollida gañadora pola súa orixinalidade e viabilidade, así como polo seu carácter innovador e a creación de emprego no territorio.

Premio Provincial á mellor iniciativa empresarial madura

A empresa gañadora é a cercedesa Porto-Muíños S.L. adicada á comercialización de algas. Esta inicativa empresarial resultou gañadora desta categoría debido a súa traxectoria empresarial, as postos de traballo creados, á presenza feminina e responsabilidade social e aos seus sistemas novidosos de xestión

Premio Provincial á mellor iniciativa empresarial socialmente responsable

A santiaguesa Dinahosting S.L., adicada á xestión de aloxamento web e dominios. Esta iniciativa empresarial foi considerada á mellor dentro das candidaturas presentadas pola aplicación de medidas de responsabilidade social eficaces dentro dos ámbitos económico, medioambiental e social, que contribúen ao crecemento sustentable da provincia.

Gañadoras I edición

Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial Xove

e-monte é a primeira plataforma dixital que facilita a operativa de compravenda de lotes de madeira entre as persoas propietarias forestais e as empresas rematantes de madeira. Esta start-up santiaguesa pretende facer fronte ao problema derivado da falta de relevo xeracional na explotación forestal dos montes. Para conseguilo creou un punto de encontro na rede no que teñen cabida todos os axentes que conforman a cadea de valor do sector forestal.

Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial Madura

Encapsulantes de Valor Añadido S.A. ten por obxecto a fabricación e comercialización de materiais especiais, principalmente polímeros e derivados, así como o asesoramento e Investigación neste eido, sendo a actividade principal a fabricación de encapsulante para a industria fotovoltaica e a laminación do vidro para o seu uso en automoción e arquitectura. EVASA convertiuse nun dos principais provedores mundiais de encapsulantes para o sector fotovoltaico. O 1% destes compoñentes dos paneis solares de todo o mundo fabrícanse na súa planta das Pontes, cunha producción que chega xa a máis de 20 países de todo o planeta.

 

  Plan de Emprego Local
III Premio provincial á mellor iniciativa empresarial

 Teléfono: 981 080 513

   email: pel@dacoruna.gal

 

 

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X