Estás en:Emprego Novas

Uns minutos na BD: La vida contemporánea

Uns minutos na BD: La vida contemporánea Nesta serie de vídeos duns minutos na BD, para celebrar o Día das Bibliotecas, imos destacar algúns dos tesouros da Biblioteca, nos que ten especial importancia o papel da muller ao longo da historia e na literatura.   Hoxe traémosvos “La vida contemporánea. Emilia Pardo Bazán en su tiempo y en el nuestro”, recentemente editado por Hércules para conmemorar o centenario do pasamento da escritora. Trátase dunha tirada moi limitada de só 100 exemplares, da cal este é o número 42, como se recolle na fe notarial. O libro é unha recompilación de artigos da autora, que no seu día escribeu para a revista La Ilustración Artística entre os anos 1895 e 1916, unha revista editada en Barcelona e que contaba con colaboradores tanto españois como estranxeiros. A selección correu a cargo do catedrático de Literatura Comparada da Universidade da Coruña, José María Paz Gago, e están agrupados de xeito temático en nove capítulos. Os seus textos modernos e visionarios seguen sendo actuais hoxe. En canto ás ilustracións, conta con serigrafías en cor de Yolanda Dorda, Ana Lamuño, María Leal e outras artistas destacadas, tamén de Paco Pestana de recente pasamento, a semana pasada. Esta obra exhíbese nestes momentos nunha mostra bibliográfica no vestíbulo da Biblioteca, que vos animamos a visitar de xeito gratuito, e finalizada a mesma podedes solicitar a súa consulta.     Por outra banda, animámosvos a visitar a partir do día 22 de outubro a exposición no Quisco Alfonso, no que tamén poderedes ver obras cedidas pola Biblioteca.
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X