Estás en:Emprego

Inauguramos encontros da sala de galego do club de lectura, con Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo

A sala Arredor dos libros do eBiblioDaCoruña Club Lector estrea a encontro, o vindeiro 26 de novembro, cun coloquio en liña arredor da que foi considerada a biografía espiritual da Xeración Nós.

Inauguramos encontros da sala de galego do club de lectura, con Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo é o autor escollido para abrir os encontros da sala de lectura en galego do eBiblioDaCoruña Club Lector.
A cita terá lugar o xoves 26 de novembro, ás 20:00 h, en formato virtual a través de Google Meet.
Durante unha hora, conversaremos sobre Arredor de si (1930), unha novela imprescindible na historia da literatura galega que situou a nosa narrativa na vangarda europea da época.
Aínda non o liches? Podes tomalo en préstamo de balde na eBiblioDaCoruna, aquí: https://ebiblio.dacoruna.gal/info/arredor-de-si-00566189

Datos do encontro
Data: Xoves, 26 de novembro
Hora: 20:00 h (duración aproximada: 1 hora)
Lugar: Sala Arredor dos libros (eBiblioDaCoruña Club Lector) – En liña vía Meet Ligazón de acceso: https://tel.meet/mch-mfjh-fpu?pin=1502408801707 Acceso aberto a todas as persoas interesadas
Modera: Patricia Cernadas Novo

Sobre a obra: Arredor de si
Nesta novela de prosa vibrante, Otero Pedrayo narra a historia dunha descuberta: ade Galicia e a súa cultura.
O protagonista, Adrián Solovio, inicia un percorrido cargado de dúbidas
existenciais. Partindo dunha postura individualista e mesmo antigaleguista,
emprende unha viaxe por Madrid e diversas cidades castelás.
O regreso a Galicia pola enfermidade do seu tío Bernaldo esperta nel novas preguntas sobre a súa identidade, agora vinculadas á pertenza a un pobo diferenciado.
Tras o falecemento do tío, viaxa por capitais europeas como París e Berlín; é alí onde comprende que Galicia posúe unha tradición e unha cultura propias á altura de calquera outra nación europea. Nese intre decide volver á terra para comprometerse con ela.

Sobre o autor: Ramón Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888–1976) é unha das figuras máis sobranceiras da cultura galega do século XX. Membro destacado da Xeración Nós, a súa intensa
traxectoria intelectual e cívica levouno desde as Cortes republicanas, como deputado galeguista, ata a presidencia da Editorial Galaxia, cargo que ocupou ata o seu pasamento. Foi tamén presidente do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela.
Cultivou con mestría todos os xéneros literarios: a novela, o ensaio sobre a paisaxe e a cultura galegas, a poesía, o relato curto, o xornalismo e o teatro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X