Modificación da RPT con informes desfavorables
CCOO anuncia que alegará a RPT para evitar a apertura de xefaturas a outras administracións e que se modifiquen as condicións salariais de postos concretos sen pasar pola comisión
O próximo venres, 25 de marzo, desenvolverase o Pleno ordinario da Deputación, onde entre outros asuntos da orde do día se leva a aprobación a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) 2022 que entrou en vigor en xaneiro.
A Corporación leva a pleno a modificación da RPT sen apoio sindical e con todos os informes desfavorables. Efectivamente, na liña que ten denunciado CCOO, tanto o informe de RRHH como o da Secretaría e a Intervención amosan a necesidade de facer unha valoración dos postos de traballo que sexan modificados na RPT. Especialmente significativo é o informe de intervención onde alerta de que "Hai un risco de posible anulabilidade (artigo 48.1 da LPAC) do acto de aprobación da modificación da Relación dos postos de traballo 2022". Cabe subliñar que a Deputación dotouse dunha ferramenta aprobada para valorar os postos de traballo consistente nun manual de valoración e unha matriz de postos, así como un órgano para a súa interpretación e desenvolvemento: a Comisión de Valoración de Postos de Traballo.
En todo caso cabe subliñar que CCOO foi o único sindicato que votou en contra pois a CIG abstívose e UGT non pronunciou o sentido do seu voto. Neste sentido, queremos aclarar a polémica xurdida (axea a nosa vontade) a raíz do noso comunicado informado do acontecido na mesa de negociación celebrada o pasado 23 de febreiro, onde UGT puxo en dúbida a veracidade da nosa información. Xa que logo, queremos precisar que CCOO limitouse a informar do acontecido na mesa de negociación (tal e como recolle a acta que posteriormente se aprobou). Efectivamente na devandita mesa UGT fixo o seu posicionamento e anunciou que presentaría un escrito en 72 h. pero tamén é certo que non pronunciou o sentido do seu voto logo de solicitalo o secretario da mesa en repetidas ocasións. Cabe subliñar que na Mesa Xeral de Negociación, como en calquera outro órgano de votación, hai que votar en bloque cada asunto da orde do día que sexa susceptible de ser votado, asemade o único voto posible é: a favor, en contra ou abstención. E, obviamente, non se pode facer en diferido, senón que hai que votar na sesión cando o demanda o secretario da mesa. Imaxina que un deputado no Congreso negase a votar a Reforma Laboral na sesión onde corresponde a súa votación e posteriormente presenta un escrito onde vota por separado cada un dos artigos (por exemplo: art. 1 a favor, art. 2 en contra, art. 3 en contra condicionado a que se inclúa nunha comisión posterior...) Que información darías ti? Nos entendemos que non está a pronunciarse sobre o asunto a tratar, e así o informamos, pero en ningún momento a nosa intención foi atacar a outro sindicato, nin iniciar unha polémica estéril.
CCOO anuncia que alegará a RPT para evitar a apertura de xefaturas a outras administracións e que se modifiquen as condicións salariais de postos concretos sen pasar pola comisión. Cabe subliñar que a proposta da Corporación dificulta a promoción vertical do persoal abrindo xefaturas a outras administracións, incluso de sección. A devandita actuación é rexeitada profundamente pola Sección Sindical de CCOO porque entendemos que o persoal da Deputación ten máis que demostrada a súa capacidade, experiencia e coñecementos como para non ser necesario "fichar" persoal doutras administracións. Por iso defendemos que as xefaturas e postos de responsabilidade na Deputación sexan ocupados por persoal da casa.