Estás en:Emprego Novas

Formoso anuncia que a Deputación investirá 300.000 euros na ampliación do edificio de usos náuticos da Pobra do Caramiñal

O presidente visitou as instalacións e destacou a necesidade da actuación para que os case 150 deportistas federados cos que hoxe conta o club de remo Puebla "poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións e manter viva unha tradición tan arraigada neste vila e nesta comarca"

O presidente tamén visitou o coworking da Pobra, que xa acolle seis dos 200 proxectos emprendedores que impulsa a Deputación a través da súa Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

Formoso anuncia que a Deputación investirá 300.000 euros na ampliación do edificio de usos náuticos da Pobra do Caramiñal

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe a Pobra do Caramiñal para anunciar que a Deputación da Coruña financiará as obras de ampliación do edificio de usos náuticos da localidade.

Formoso explicou que o pleno provincial de mañá venres dará luz verde a un expediente modificativo de créditos por importe de máis de 61 millóns de euros, nos que se inclúe unha partida orzamentaria de 300.000 euros para acometer estas obras, "que permitirán dar solución ás carencias de espazo que sofre actualmente o Club de Remo Puebla".

O presidente visitou o centro deportivo acompañado do alcalde da localidade, Xosé Lois Piñeiro, e da concelleira de Deportes, Sanidade e Relacións Instucionais, Patricia Lojo e do presidente do Club pobrense, Antonio Manuel Do Carmo. Alí conversou coas mozas e mozos que adestran nas diferentes categorías de remo deste veterano club fundado en 1979 e constatou a necesidade de acometer unha actuación "necesaria para que as e os case 150 deportistas federados cos que hoxe conta o club podan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións, mantendo viva unha tradición tan arraigada neste vila e nesta comarca como o deporte do remo".

Formoso trasladou o apoio da Deputación ás remeiras e remeiros pobrenses e animounos a "seguir traballando para aumentar seu espectacular palmarés de premios, que nos enche de orgullo nesta provincia". O Club de Remo Pobra é, xunto con Cabo de Cruz, o único que compite en catro categorías: absoluta masculina A e B, absoluta feminina e veterana feminina, categoría recentemente creada na que Puebla resultou vencedora.

Formoso explicou que as obras permitirán atender necesidades como ampliar o espazo para gardar as embarcacións, a superficie do ximnasio e os vestiarios, así como mellorar a accesibilidade e a zona de oficinas e vestiarios.

Maior espazo e funcionalidade en dous novos módulos

As obras suporán un investimento total de 394.738 euros, dos que a Deputación achegará 300.000 € a través dun convenio de colaboración co Concello da Pobra.

O investimento permitirá construír dous novos módulos de 85 metros cadrados con planta baixa e primeira ao carón da fachada leste do edificio, co obxectivo de resolver os problemas que a día de hoxe ten o club: falta de espazo para o almacenamento das 26 embarcacións e do garaxe de vehículos na planta baixa, un ximnasio de 141 metros cadrados insuficiente para a actividade de máis de 100 deportistas, uns vestiarios moi antigos en mal estado de conservación e o pouco espazo para oficina e usos múltiples.

Así, o módulo sur permitirá dispoñer na planta baixa dun espazo e almacenamento para as embarcacións de menor eslora, principalmente bateis. Na planta primeira o ximnasio verase notablemente ampliado e irá dotado unha ampla cristaleira no flanco leste que o dotará de iluminación directa e comunicación visual entre este espazo e o embarcadoiro.

O módulo norte creará máis espazo de almacenamento de embarcacións ou vehículos, o que permitiría dar cabida a novas actividades como o piragüismo ou a vela. Na planta alta ampliarase a superficie de oficina e sala de trofeos, situarase un pequeno vestiario para o persoal adestrador e crearase un local de usos múltiples, que principalmente sería utilizado como ximnasio para as categorías máis pequenas e, eventualmente, utilizaríase para reunións, charlas, conferencias... Este módulo disporá de ascensor para permitir a total accesibilidade ás distintas estancias de nova creación así como ao foxo de remo, situado na planta baixa.

Tamén se procederá á remodelación total da zona de vestiarios da planta baixa do edificio, anexionando a esta o actual pañol, de xeito que permita a ampliación do vestiario feminino ata acadar a mesma superficie que ten o masculino.

Na zona central da instalación, onde se sitúa o actual almacén de embarcacións, non se proxectan obras de ampliación pero si se actuará na cuberta, desmontando as prazas de aceiro existentes para a posterior renovación do teito con paneis metálicos con illamento inxectado, igual que o que levarán os módulos.

Por último, manterase a zona de acceso e loxística, deixando unha ampla beirarrúa entre a estrada e o edificio para dar continuidade ao paseo existente no parque do Castelo cara á estación de autobuses e a zona portuaria.

O Coworking A Pobra xa acolle seis proxectos emprendedores

Valentín González Formoso tamén visitou o centro de coworking da Pobra, o último espazo en adherirse á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, e que xa acolle seis proxectos empredendores nas súas instalacións.

"Este é o décimo primeiro centro da Rede Provincial grazas ao esforzo compartido de varios concellos", destacou Valentín González Formoso, que subliñou "a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha grande rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determinado ámbito profesional, un modelo único no país". Formoso incidiu na importancia de que os centros "aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada territorio" e ademais "fomenten sinerxias" entre emprendedoras e emprendedores.

En definitiva, "a Rede Provincial de Coworking pretende xerar oportunidades para a xente moza no mundo rural, fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego", explicou o presidente, que lembrou que máis de 200 emprendedores e emprendedoras teñen sido asesorados, desenvolveron ou están a desenvolver a súa actividade empresarial nalgún dos centros de coworkings que conforman a Rede desde 2019

O espazo colaborativo Coworking A Pobra consta dun espazo de 143,23 m2 con capacidade para acoller ata 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con capacidade para 8 módulos de traballo dotados con mobiliario individual común, preferentemente para persoas emprendedoras que teñen a vontade de crear a súa propia empresa e o espazo Nómades, con capacidade para 2 módulos que se configuran preferentemente para usuarios externos que non permanezan de modo continuado no centro, senón por períodos de tempo moi concretos.

Para dinamizar a actividade deste espazo, a Deputación achegou no mes de febreiro 24.811,60€, o que supón o 80% do total do custo do proxecto para a contratación dunha asistencia técnica que presta apoio na xestión e dinamización do coworking, para pór en marcha un campus de emprendemento con perspectiva de xénero e para impulsar unha experiencia piloto para a promoción do sector primario dende o espazo coworking.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X