Estás en:Emprego Novas

A Deputación e COGAMI promoven a inserción laboral de 846 persoas con discapacidade na provincia

Valentín González Formoso e a vicepresidenta segunda de COGAMI asinaron o convenio na sede da Deputación e incidiron na continua mellora dos datos que ano tras ano ten o Servizo de Intermediación Laboral

A través desta ferramenta, no que vai de ano, tamén se realizaron 2.866 orientacións na provincia

A Deputación e COGAMI promoven a inserción laboral de 846 persoas  con discapacidade na provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta 2ª de COGAMI, Mónica Álvarez San Primitivo, reuníronse na sede da institución provincial para presentar a actividade que leva a cabo a entidade, co apoio da administración provincial, en favor das persoas con discapacidade para a súa inclusión social e laboral.

Valentín Formoso e Mónica Álvarez analizaron os resultados do Servizo de Intermediación Laboral (SIL) no que vai de 2022, un programa que conta co apoio económico da Deputación, facilitando a inserción laboral de 846 persoas con discapacidade na provincia da Coruña, e promovendo 2.866 sesións de orientación.

O presidente da Deputación da Coruña destacou a "importancia da labor que levan a cabo en COGAMI, ofrecéndolles ás persoas usuarias unha ampla variedade de servizos" e eloxiou "os datos de inserción laboral que acada o SIL, mellorando ano tras ano". "Exercedes un papel fundamental para un colectivo que ten especiais dificultades para acceder ao mundo laboral", afirmou.

Pola súa parte, Mónica Álvarez, agradeceu o apoio prestado pola Deputación ao servizo de orientación e intermediación laboral e explicou que "COGAMI está presente nas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago, onde contamos cun equipo de orientación laboral formado por 12 profesionais que tamén se desprazan ata os municipios de ámbito rural para atender as necesidades das persoas destas zonas".

Base de datos con 8.000 demandantes de emprego

Durante este ano, o servizo de emprego de COGAMI realizou 504 novas entrevistas a persoas con discapacidade que entraron a formar parte da súa base de datos como demandantes de emprego e/ou formación.

A día de hoxe, COGAMI conta cun total de 7.895 persoas inscritas na base de datos na provincia, 58% destas son homes e o 42% son mulleres. Dentro de servizo de intermediación laboral realizáronse tamén 2.866 orientacións laborais, das que 971 foron realizadas en Santiago, 1.101 na Coruña e 794 en Ferrol. Ademais, houbo un total de 846 persoas inseridas no mercado laboral, o 49% da totalidade de toda Galicia concentrouse na provincia da Coruña.

Ademais do servizo de intermediación laboral, ofrecen servizos de formación cara ao emprego, información, asesoramento, orientación, desenvolven programas de promoción da autonomía persoal, de sensibilización e concienciación, programas específicos destinados á muller con discapacidade, asesoran en accesibilidade, promoven actividades de lecer e deporte inclusivo, xestionan asistencia persoal, fisioterapia e contan con centros de recursos con servizos de apoio.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X