O Club de Remo Cabo de Cruz gaña a Bandeira de Traíñas Deputación da Coruña
Os equipos masculino e feminino gañaron na casa nas dúas modalidades da tradicional Bandeira, celebrada esta mañá en augas boirenses
Valentín González Formoso, José Ramón Romero e Antonio Leira entregaron as bandeiras ás tripulacións gañadoras
O Club de Remo Cabo de Cruz proclamouse gañador da Bandeira de Traíñas "Deputación da Coruña", tanto na modalidade masculina coma na feminina. A proba, que reúne cada verán aos mellores clubs de remo da provincia, celebrouse hoxe nas augas de Cabo de Cruz, na localidade boirense.
A Bandeira de Traíñas Deputación é unha competición histórica do panorama do remo fixo galego, moi valorada por clubs, deportistas e afeccionados e celébrase cada 15 de agosto nun municipio costeiro da provincia da Coruña. Este ano chega á súa 33ª edición na súa modalidade masculina e á 4ª edición na feminina.
Un total de 13 clubs (8 masculinos e 5 femininos) disputaron a Bandeira, nunha espectacular competición de 3 millas náuticas (5.556 metros) que congregou a numeroso público para seguir as evolucións das embarcacións nunha localidade que conta cunha gran tradición mariñeira.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, e o presidente da Federación Galega de Remo, José Luís Méndez, foron os encargados de entregar as medallas e a Bandeira Deputación ás tripulacións gañadoras.
Formoso felicitou as gañadoras e gañadores da Bandeira 2023 e agradeceulles a impecable organización do evento, a cargo da Federación Galega de Remo.
Na categoría masculina os primeiros clasificados foron Cabo de Cruz, Ares e Rianxo; mentres que na feminina foron Cabo de Cruz, Rianxo e Ferrol-A Cabana. A institución provincial destina 22.100 euros en premios aos equipos participantes.