RC Deportivo da Coruña e FSV Mainz 05 proclámanse gañadores do Gran Premio Deputación da Coruña – XI Torneo Internacional Cidade de Narón
O torneo pechou esta fin de semana tres días de fútbol base con 94 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas procedentes de España, Portugal, Alemaña e Italia
Valentín González Formoso participou na entrega de premios dunha competición que converteu Narón na capital do fútbol base
Máis 5.000 persoas seguiron a competición no estadio de Río Seco durante a fin de semana
O RC Deportivo da Coruña en categoría alevín e o equipo alemán FSV Meinz 05 en categoría benxamín proclamáronse gañadores do Gran Premio Deputación da Coruña – XI Torneo Internacional Cidade de Narón, que pechou este domingo no Estadio Municipal de Río Seco unha nova edición marcada pola elevada participación e pola presenza dalgúns dos principais clubs de fútbol base de España e doutros países europeos.
Durante toda a fin de semana, 94 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas das categorías benxamín e alevín participaron nunha competición que contou con clubs como o RC Deportivo, RC Celta, Sporting de Gijón ou Real Oviedo, xunto con equipos procedentes de Portugal, Alemaña e Italia.
Tras unha intensa programación de partidos, coa disputa das fases Prata e Ouro, a competición chegou este domingo á súa fase decisiva con encontros de grupos, cuartos de final, semifinais e finais, nas que se decidiron os equipos mellor clasificados desta undécima edición.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participaron esta tarde na entrega de premios, na que tamén se concederon os trofeos aos equipos mellor clasificados e as distincións ao mellor xogador e ao mellor porteiro de cada categoría.
Formoso destacou o éxito dunha edición que volveu demostrar "a enorme capacidade do Sociedade Deportiva e Cultural O Freixo de Narón para reunir durante unha fin de semana a algúns dos mellores equipos de fútbol base". O presidente provincial salientou especialmente "o ambiente de convivencia, compañeirismo e deportividade vivido entre máis de mil rapaces e rapazas", e felicitou aos responsables do club polo traballo desenvolvido para consolidar o torneo como unha referencia dentro e fóra de Galicia.
A Deputación da Coruña incorporouse este ano como principal patrocinadora do evento cunha achega de 90.000 euros, equivalente ao 80% do orzamento total, co obxectivo de reforzar a organización e contribuír ao crecemento e á proxección da competición.
Na categoría benxamín os catro primeiros clasificados foron FSV Mainz, Deportivo da Coruña, Real Oviedo e SD Compostela.
Na categoría alevín foron RC Deportivo da Coruña, Celta de Vigo, Cultural y Deportiva Loenesa e Sporting de Gijón.
O torneo desenvolveuse en catro campos de fútbol 8, dous de herba natural e dous de herba artificial, e mobilizou durante a fin de semana a máis de 5.000 persoas entre deportistas, familiares, persoal técnico e acompañantes, cun importante impacto tamén na hostalaría, restauración e comercio de Narón e Ferrolterra.
Durante a xornada houbo un emotivo recordo para Juan Manuel Rey Guerra, presidente do club recentemente falecido.
Coa entrega de premios quedou clausurada unha edición que consolida o Gran Premio Deputación da Coruña – Torneo Internacional Cidade de Narón como unha das grandes citas do fútbol base e que reforza a súa dimensión nacional e internacional.
