A Deputación inviste máis de 2 millóns na mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia en 2024
Entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios son os beneficiarios destas axudas, que recibirán un importe máximo de 150.000€
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña vén de publicar a concesión definitiva do programa de subvencións dirixido a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia da Coruña en 2024. O departamento provincial de Turismo inviste este exercicio 2.006.200€, cunha achega máxima de 150.000€ por beneficiario.
Un total de 18 entidades de diferente índole recibiron estas axudas da Deputación, entre as que están a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal ou a Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas – Betanzos.
O vicepresidente, Xosé Regueira, destaca a importancia da "cooperación entre todos os axentes do sector" para a promoción turística da provincia "dende un punto de vista sostible pero tamén cohesionado". Regueira referiuse á "diversidade na nosa oferta turística", cunha provincia que "alberga 8 xeodestinos moi diferentes, pero con liñas estratéxicas conxuntas que son o resultado dese traballo colaborativo".
A resolución da concesión definitiva e o listado das entidades beneficiarias das subvencións poden consultarse no BOP de hoxe.