A Deputación pecha cun balance moi positivo a súa participación no Gastronómic Fórum Barcelona
A programación provincial espertou un notable interese entre o público asistente, que se sorprendeu coa calidade, diversidade e innovación das propostas gastronómicas presentadas
As e os produtores participantes estableceron novos contactos comerciais e oportunidades de negocio, cumprindo o obxectivo de proxectar o potencial do sector agroalimentario da provincia e contribuír á xeración de riqueza e emprego no rural
A Deputación da Coruña pecha cun balance moi positivo a súa participación no Gastronómic Fórum Barcelona, onde durante tres xornadas amosou o potencial gastronómico e produtivo da provincia a través dunha programación propia con máis dunha vintena de actividades entre showcookings, catas, presentacións e talleres.
O espazo provincial, baixo o lema «A paisaxe que sabe», rexistrou unha elevada afluencia de público ao longo das tres xornadas, cunha moi boa resposta ás diferentes propostas gastronómicas. As elaboracións dos cociñeiros e cociñeiras, as degustacións e as presentacións dos produtos locais espertaron o interese das persoas visitantes, que descubriron con sorpresa a diversidade, a calidade e as posibilidades culinarias dos produtos da provincia da Coruña.
A participación permitiu tamén que as e os produtores locais presentes no foro establecesen importantes contactos comerciais con profesionais da distribución, da restauración e doutros ámbitos do sector alimentario, abrindo novas oportunidades de colaboración e negocio. Un resultado especialmente relevante que confirma o valor deste tipo de accións de promoción para facilitar o acceso dos produtos locais a novos mercados e ampliar as posibilidades de comercialización.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, valorou moi positivamente os resultados desta presenza en Barcelona e destacou que “o obxectivo non era unicamente dar a coñecer os nosos produtos, senón tamén ofrecerlles ás e aos produtores da provincia unha oportunidade real para estableceren contactos, abriren mercados e xeraren novas posibilidades de negocio”. “A resposta do público foi extraordinaria”, engadiu. “Moitas persoas sorprenderonse ao descubrir a enorme variedade e calidade do que se produce na provincia da Coruña, así como a capacidade dos e das nosas profesionais para transformar eses produtos en propostas gastronómicas de primeiro nivel. Pero, sobre todo, estamos satisfeitos porque esta presenza tamén se traduciu en oportunidades comerciais para as empresas e as e os produtores participantes”», sinalou.
Regueira incidiu en que a promoción do produto local ten unha dimensión económica e social que vai moito máis alá da gastronomía. “Cando damos a coñecer un queixo, un viño, un marisco, unha carne ou calquera outro produto da nosa provincia, estamos tamén poñendo en valor o traballo das persoas que están detrás del, as explotacións, as confrarías, as pequenas empresas e todo un tecido produtivo que é fundamental para o noso rural”. Nese sentido, sinalou que “apostar polo produto de proximidade significa contribuír á xeración de riqueza e oportunidades no territorio, favorecer a actividade económica, crear emprego e axudar a fixar poboación. Cada oportunidade comercial que conseguimos para os e as nosas produtoras é tamén unha oportunidade para o rural da provincia”.
Ao longo das tres xornadas, o espazo da Deputación contou coa participación da Conserveira, Bonilla a la Vista, Cárnicas Domínguez, Mariscos de Barallobre, Cafés Aruba, San Isidro Bakery, Galegas de Nata, Galmesán, Empanadas Ternura e María Manuela Enoturismo, que protagonizaron demostracións e degustacións dos seus produtos. A programación reuniu tamén talento culinario da provincia, coa participación de Naír González, xunto con Víctor Basante (restaurante Arrueiro, Laxe), gañador do concurso Mellor Cociñeiro Galego do Ano 2025; e Mar Lago e Álex Martínez (restaurante Bacelo, Ferrol) e Andrés Torreiro (D’Obra en Melide), finalistas provinciais do certame deste ano. Xunto a eles participaron o sumiller Alejandro Paadín e Óscar Ramil, xerente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa. A representación da excelencia e diversidade gastronómica coruñesa tivo un dos seus momentos destacados coa participación de Manuel Costiña, do restaurante Retiro da Costiña, distinguido con dúas estrelas Michelin.