Estás en:Emprego Novas

Xosé Regueira destaca no curso de verán de Turismo da UDC o potencial da intelixencia artificial na profesionalización do sector turístico

O vicepresidente participou nunha mesa redonda sobre turismo intelixente, acompañado do presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, e da secretaria técnica da CMAT Catherine García Pernas

O Curso de verán da UDC de turismo, que terá lugar hoxe e mañá no Ézaro, aborda nesta edición os retos e oportunidades da xestión turística intelixente

Xosé Regueira destaca no curso de verán de Turismo da UDC o potencial da intelixencia artificial na profesionalización do sector turístico

Hoxe arrancou en Ézaro o curso de verán de turismo da UDC, que se prolongará ata mañá e abordará a transformación no turismo: as oportunidades retos e casos de éxito na xestión turística intelixente. O vicepresidente, Xosé Regueira, participou na mesa redonda inicial co presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, e moderada pola secretaria técnica da CMAT, Catherine García Pernas, onde puxo en valor o potencial da intelixencia artificial para a profesionalización do sector turístico.

Regueira comezou a súa intervención mirando aos seus inicios en turismo no 2004, cando "non existía como sector económico, nin había profesionais nin persoal técnico nin consultorías...". Nestes 20 anos, afirmou "algunhas cousas cambiaron moito: somos un destino recoñecido na potencia mundial, demandado e destacado". "Contamos cun sector formado, competitivo e que aposta pola calidade", engadiu, "e, ademais, o turismo cada ano ten un maior peso económico, roldando actualmente o 14%".

Non obstante, matizou o vicepresidente, "o que non cambiou tanto son as razóns polas que atraemos turistas: paisaxe, gastronomía, clima, cultura, tradición...". Os retos aos que se enfronta o sector "tampouco cambiaron moito", expresou Regueira: "desestacionalización, atraer turismo de calidade, mellora na xestión dos fluxos, incremento da rendibilidade, diversificación na oferta, mellora na mobilidade e a sinalización...".


Retos que o vicepresidente traduciu en oportunidades, referíndose ao que implicou a tecnoloxía "para as centrais de reservas, liñas de baixo custe, plataformas de información, a economía turística colaborativa...", ferramentas "que cambiaron para sempre a forma na que eliximos, compramos e desfrutamos do turismo". Regueira falou tamén das vantaxes da intelixencia artificial xerativa "nun momento de volatilidade, incerteza, complexidade e ambigüidade como o actual", pois ofrece "velocidade na difusión da tecnoloxía ao ser altamente intuitiva".

E, rematou citando os principais retos do sector turístico: "entender o cambio, aprender as linguaxes e a comunicarnos coas novas contornas tecnolóxicas, integrar as novas tecnoloxías e investir en I+D+i par facerlle fronte a toda esta revolución". O obxectivo: "temos que saber vender turismo a través da intelixencia artificial".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X