Cálculo data Carreira Profesional Horizontal
Estamos a recibir unha grande cantidade de correos coa petición de asistencia, polo que pedimos paciencia e comprensión porque contestaremos todos os correos en tempo e forma
Seguimos adiante coa Carreira Profesional Horizontal por moito que algúns se empeñen en poñer pedras no camiño.
Lamentamos informar que tivemos que atrasar a contestación as vosas consultas porque un sindicato cuestionou a legalidade da asistencia que CCOO presta para cubrir a solicitude de Carreira Profesional Horizontal. Ante as acusacións de irregularidades en canto ao cumprimento da Lei de Protección de Datos, e a pesar de que dende CCOO xa estabamos convencidos de que se trata dunha actuación conforme a normativa, decidimos paralizar o proceso de asistencia mediante a nosa ferramenta informática e non tratar os vosos correos ata manter unha reunión co Delegado de Protección de Datos.
O Delegado de Protección de Datos informou que non observara vulneración algunha polo que reactivamos a asistencia para cubrir a solicitude coa data que vos permita cobrar máis. Así nolo transmitiu nunha reunión que mantivemos, logo de que emitise un informe neste sentido. Xa que logo, o procedemento é perfectamente legal e respectuoso coa normativa de protección de datos polo que xa estamos contestando ás peticións de asistencia.
CCOO agradece a enorme confianza depositada en nós, pois estamos a recibir unha grande cantidade de correos coa petición de asistencia, polo que pedimos paciencia e comprensión porque contestaremos todos os correos en tempo e forma. Foi unha mágoa perder estes días, mais tedes o noso compromiso de que faremos un esforzo extra para superar este contratempo alleo a nosa vontade.
Podemos entender que unha sección sindical decida non axudarvos coa solicitude de carreira. Efectivamente está no seu dereito de non facelo, ben por estratexia sindical, ben porque non quere realizar o traballo ou ben porque non ten a capacidade para facelo. O que non podemos comprender nin compartir é que trate de boicotear o noso traballo prexudicando aos traballadores e traballadoras, antepoñendo os intereses electorais do seu sindicato aos intereses do persoal ao que, en teoría, representa.