Estás en:Emprego Novas

Cultura da Deputación recibe 343 obras nas convocatorias dos seus premios literarios

Os cinco certames literarios convocados neste 2024 son o Torrente Ballester de Narrativa en galego e castelán; o Castelao de Banda Deseñada; o González Garcés de Poesía e o Raíña Lupa de LIX

A semana que ven celebrarase a primeira das reunións dos xurados para decidir as propostas gañadoras, que será a do Castelao de Banda Deseñada

Brais Lamela, María Sánchez, Yolanda Castaño, Carlos Nergo, Sica Romero, Oriana Méndez ou Xulia Vicente son algunhas das 25 persoas de recoñecido prestixio no mundo literario que forman os diferentes xurados

Cultura da Deputación recibe 343 obras nas convocatorias dos seus premios literarios

Un total de 343 obras presentáronse neste 2024 aos premios literarios convocados pola área de cultura da Deputación co obxectivo de fomentar e visibilizar a creación en literatura infantil e xuvenil, narrativa, banda deseñada e poesía. Os certames que se convocaron neste exercicio son o Torrente Ballester de Narrativa en galego e castelán; o Castelao de Banda Deseñada; o González Garcés de Poesía e o Raíña Lupa de LIX.

No caso do Premio González Garcés de Poesía, que chega á súa XXII edición, bateu record de convocatoria coa cifra de orixinais máis alta da última década, chegando ás 129 obras recibidas neste 2024

Trala recepción de todas as propostas participantes, neste mes de agosto comezarán a celebrarse as reunións dos diferentes xurados para elixir as obras gañadoras. Concretamente, iniciaranse o 28 coa do XIX Premio Castelao de Banda Deseñada.

Posteriormente, entre os meses de agosto e novembro, concederanse os cinco premios literarios deste 2024 aos que a Deputación destina un importe de 62.500 euros. Ademais, as obras gañadoras serán editadas para a súa distribución en librerías e achegalas ao público lector.

Os xurados deste ano estarán formados por un total de 25 persoas de recoñecido prestixio no mundo literario: Brais Lamela, María Sánchez, Yolanda Castaño, Carlos Nergo, Sica Romero, Oriana Méndez ou Xulia Vicente son algún dos autores e autoras que forman parte dos xurados do Torrente, Garcés, Raíña Lupa e Castelao.

Unha das novidades con respecto a outras edicións atópase no Premio Raíña Lupa, que estrea dobre modalidade e premiará dúas obras, unha na modalidade infantil e outra en xuvenil.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X