Estás en:Emprego Novas

A Deputación remata as obras de ampliación da estrada DP-7802 de Roxos a Reborido, en Santiago, tras un investimento de 1,1 millóns de euros

As obras permitiron ensanchar os primeiros 2,6 quilómetros da estrada que conecta os núcleos de Roxos e Frais, onde se cruza co Camiño Santiago-Fisterra

O Plan único permitiu realizar 61 obras en Santiago, cun investimento de 14 millóns de euros nos últimos anos

Formoso anuncia que a Deputación aprobará no pleno deste mes unha partida de 850.000 euros para as obras de reforma do estadio municipal Vero Boquete

A Deputación remata as obras de ampliación da estrada DP-7802 de Roxos a Reborido, en Santiago, tras un investimento de 1,1 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, supervisaron esta mañá os derradeiros traballos das obras de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial DP 7802 de Roxos a Reborido, en Santiago de Compostela, que supuxeron un investimento de 1.123.606,18 € e que están practicamente completadas. Na visita estiveron tamén as deputadas de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e Política Social, Mar García Vidal.

Formoso explicou que as obras consistiron no ancheamento e mellora da vía dende Roxos até o núcleo rural de Frais, nun tramo de 2,6 quilómetros que contaba cunha estrada moi estreita, de entre catro e seis metros, e que agora conta con oito metros.

"Supón unha notable mellora da seguridade viaria", afirmou o presidente da Deputación, que destacou que se tratou dunha obra tecnicamente complexa, que contou con varias dificultades e que requiriu de modificacións e ampliacións do orzamento ao longo da súa execución para conseguir o mellor resultado posible. "Agradezo a paciencia dos veciños durante este tempo, pero creo que o resultado pagou a pena porque agora os vehículos que van de Roxos a Frais poden facelo cunhas mellores condicións de seguridade", apuntou.

Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, agradeceu a visita do presidente e celebrou "que sexa por fin unha realidade a ampliación desta estrada e que se conseguiran superar todos os atrancos" para dotar á zona dunha infraestrutura tan necesaria.

A Deputación está investindo actualmente máis de 3 millóns de euros na mellora de estradas provinciais no termo de Santiago de Compostela. Ademais desta obra, estase construíndo a senda de Figueiras, con 2,5 quilómetros de longo e 941.000 euros de investimento e as obras de ampliación e mellora da estrada DP 7804 que conecta Santiago e Val do Dubra, con 1,1 millóns de orzamento.

Unha estrada de 8 metros de ancho que conecta Roxos e Frais

O inicio da estrada DP 7802 ten lugar en Roxos, enclave próximo a Santiago con carácter urbano no que se inicia unha estrada de dous carrís cun ancho de 7 metros, franxas para aparcadoiro e beirarrúas en ambas as marxes, que conforman unha plataforma total de 16 metros nos primeiros 400 metros da vía.

A partir do PK 0+400, onde se executaron as obras, a plataforma reducíase considerablemente, pasando a unha plataforma moi estreita, de entre 4 e 6 metros de ancho, no tramo que vai ata o fin do núcleo de Roxos, onde se produce un cruce co Camiño Santiago-Fisterra-Muxía.

No tramo que vai de Roxos a Frais (PK 1+060 ao 2+100) a calzada tiña unha anchura de entre 5 e 6 metros, con tramos aínda máis estreitos como o que discorre na ponte sobre o rego de Roxos e no último tramo (ata o PK 2+620) a estrada atravesa o núcleo rural de Frais, onde a anchura media de calzada antiga era de só 4,4 metros.

Estas obras permitiron a ampliación da vía ao longo destes 2,6 primeiros quilómetros de percorrido, ao seu paso polos núcleos de Roxos e Frais. A calzada conta agora cun ancho de plataforma de 8 metros, con carrís de 3,5 metros e beiravías en ambas as dúas marxes.

As obras incluíron tamén a renovación do firme da vía, dotándoo dunha nova capa de rodaxe con base de zahorra artificial e superficie de mestura bituminosa en quente e rego de adherencia en toda a plataforma, así como a instalación de novo sistema de drenaxe, e renovación da sinalización horizontal e vertical.

O Plan único investiu 14 millóns e financiou 61 obras en Santiago

Formoso e Sanmartín visitaron tamén as obras de acondicionamento e mellora da zona verde de Roxos-Quintáns, financiadas con 150.000 euros do Plan único (POS+) da Deputación, que consistiron na construción dun parque infantil, unha área biosaudable e unha pista multideporte, configurando un espazo interxeneracional para o lecer da veciñanza de toda as idades, desde os máis pequenos até os maiores.

Formoso destacou que o Plan único leva investidos máis de 14 millóns de euros en Santiago de Compostela desde a súa creación (só en 2024, a cidade recibe 2.239.141 euros do POS+) e financiou múltiples servizos e 61 obras coma esta, que melloran a calidade de vida da veciñanza. Destacou tamén que o Plan único "baterá este ano récord de investimento" e que son os propios concellos os que deciden o destino dos fondos que lles achega a Deputación, en función das necesidades particulares de cada un.

Goretti Sanmartín incidiu tamén na importancia do Plan único: "É fundamental para nós, financia moitas obras que se reparten por distintos lugares de Santiago e iso é importante nun municipio coma o noso, que ten moito de rural e unha extensión de 220 quilómetros".

Estadio municipal Vero Boquete

Tras a visita, Formoso e Sanmartín mantiveron unha reunión na Alcaldía para abordar temas de colaboración entre ambas administracións. Unha das principais demandas do Concello de Santiago de Compostela é a colaboración económica da Deputación para as obras de rehabilitación do estadio municipal Vero Boquete, "que precisa unha reforma importante, cun investimento moi grande valorado en arredor de 9 millóns de euros, pero que polo menos nas reformas máis urxentes, as que teñen que ver coa envolvente e a conservación do estadio, poidamos contar coa colaboración da Deputación", afirmou a alcaldesa.

Durante a reunión, Formoso confirmou que o Goberno provincial levará ao pleno deste mes de outubro unha partida de 850.000 euros, incluída nun expediente de modificación de créditos, para colaborar co Concello de Santiago nas obras de rehabilitación do estadio. "Ao igual que fixemos en Riazor na Coruña e na Malata en Ferrol, a Deputación colaborará no financiamento das obras de mellora do estadio compostelán", afirmou o presidente, que detallou que se prevé que inclúan a reparación de fachadas e cubertas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X