Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña destaca a “necesidade urxente” de abordar a saúde mental como “un problema de saúde pública prioritario en Galicia”

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou en Ribeira nunha mesa redonda coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental

Mar García defendeu tamén "a necesidade de enfrontar os desafíos específicos do entorno rural no ámbito da saúde mental", onde se produce un maior illamento social e falta de recursos asitenciais

A Deputación da Coruña destaca a “necesidade urxente” de abordar a saúde mental como “un problema de saúde pública prioritario en Galicia”

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou esta mañá en Ribeira nunha mesa redonda sobre a saúde mental en Galicia, no marco da conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental.

Xunto a Mar García participaron na xornada a psiquiatra Carmen Armas, o xefe do servizo de Psiquiatría da área de saúde Barbanza-Santiago, Mario Páramo, e Isabel Fernández, traballadora social e secretaria da asociación A Creba.

Na súa intervención, a responsable de Política Social da Deputación da Coruña destacou a "necesidade urxente de abordar a saúde mental como un problema de saúde pública prioritario en Galicia", incidindo en cuestións como "o reforzo do sistema de saúde pública por parte da Xunta de Galicia para mellorar a calidade asistencial, a atención integral ás persoas que sofren trastornos mentais, medidas de prevención e educación, así como de apoio ás familias, que moitas veces carecen de recursos suficientes neste sentido".

Mar García defendeu tamén "a necesidade de enfrontar os desafíos específicos do entorno rural no ámbito da saúde mental", onde se produce un maior illamento social e falta de recursos asitenciais e subliñou a importancia de programas como os que desenvolve a Deputación nos concellos máis pequenos para loitar contra a soidade non desexada e promover a socialización das persoas maiores e o envellecemento activo.

Papel fundamental das entidades

A deputada destacou tamén "o papel fundamental que desenvolven as entidades sociais neste ámbito, prestando atención tanto ás persoas que sofren as enfermidades mentais como ás súas familias".

"Entidades fundamentais como A Creba, que hoxe está aquí presente, e moitas outras ao longo e ancho da provincia, que realizan un gran traballo para mellora e a vida de moitas persoas que sofren doenzas mentais e das súas familias. Un labor do que nos sentimos orgullosos de poder colaborar desde a Deputación da Coruña", afirmou.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X