Reactivada a Carreira Profesional Horizontal
A Corporación leva a negociación un acordo de implantación e financiamento da Carreira Profesional Horizontal e a desestimación das alegacións
Os feitos desmenten as informacións erróneas transmitidas unha vez máis ao persoal por parte dun actor da negociación. É normal que distintos actores na negociación teñan opinións encontradas e incluso que fagan distintas interpretacións da realidade. Precisamente por este motivo é importante que a comunicación ao persoal se faga en base a datos obxectivos como nos facemos e non a xuízos de valor.
É un dato obxectivo que a presentación de alegacións impediu a aprobación definitiva e automática do regulamento de Carreira Profesional Horizontal, tamén o é que as alegacións empregan o mesmo argumento utilizado durante a negociación polo único sindicato que non votou a favor do dito regulamento, tal e como informamos no anterior comunicado. Porén é un xuízo de valor dar a entender que as alegacións están resoltas polo mero feito de que apareza no expediente unha proposta de desestimación das alegacións feita pola xefatura do servizo de RRHH que nin tan sequera estaba asinada polo Deputado de Persoal e moito menos elevada ao órgano competente que as ten que resolver. Tamén é un xuízo de valor errático dar a entender que o "atraso" se debe a motivos orzamentarios.
A Corporación leva a negociación un acordo de implantación e financiamento da Carreira Profesional Horizontal e a desestimación das alegacións. O acordo de implantación e financiamento recolle expresamente as dotacións orzamentarias que aparecen na aprobación inicial do Regulamento de Carreira Profesional Horizontal durante os seis anos que dura o período extraordinario. Queda claro que o atraso non se trataba dun problema orzamentario, senón dunha preocupación do goberno provincial diante de posibles recursos no contencioso. Unha vez sexan aprobados os dous puntos en Mesa Xeral que se celebra o mércores 30, o regulamento de Carreira Profesional Horizontal debería quedar aprobado no pleno do mes de novembro, o que permitiría gozar ao persoal do Complemento de Carreira xa no ano 2024.
É un feito que quen non vota a favor da carreira profesional non a está apoiando e ademais se está gardando a posibilidade de recorrer posteriormente diante do Tribunal do Contencioso Administrativo. É obvio que non tería lóxica algunha que un sindicato votase a favor do regulamento e posteriormente presentase recurso no contencioso. Diante desta situación, a Corporación non resolveu as alegacións no pleno ordinario de setembro, tal e como informamos. A falta de unanimidade sindical na aprobación do Regulamento de Carreira Profesional Horizontal levou á Corporación a buscar mecanismos de protección diante de posibles recursos. Finalmente, despois de consultar cos técnicos, decidiu contar co apoio explícito sindical, levando á mesa xeral para a súa aprobación, tanto a desestimación das alegacións, como o acordo de implantación e financiamento.