Negreira acolle este sábado o II Foro de Internacionalización do Camiño a Fisterra e Muxía
O Camiño a Fisterra e Muxía: Un punto de encontro para a internacionalización, a sustentabilidade, a innovación e as experiencias turísticas
Este sábado, 14 de decembro, destacados expertos, profesionais do turismo e representantes institucionais reuniranse na segunda edición do Foro de internacionalización do Camiño a Fisterra e Muxía para abordar os retos e oportunidades deste icónico tramo do Camiño de Santiago. O evento, que terá lugar no Auditorio Municipal Afonso Nunes de Negreira, promete ser un espazo de reflexión e diálogo ao redor da sustentabilidade, a innovación, a internacionalización e os valores que enriquecen a experiencia dos peregrinos.
A xornada comezará ás 9:00h coa recepción de acreditacións, seguida dunha inauguración institucional ás 9:30 h, que contará coa participación de personalidades como Áurea Domínguez, presidenta da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía e alcaldesa de Fisterra; Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia, o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis e o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira.
Premio para José Manuel Pequeño
Ás 10:00 h, farase entrega do galardón "Ti fas Camiño", unha actividade nova desta asociación que busca recoñecer aquelas persoas que contribúen ao desenvolvemento e promoción deste itinerario cultural único. Nesta primeira edición o galardoado será José Manuel Pequeño, ex alcalde de Dumbría e promotor principal deste camiño e da creación da asociación de concellos.
As mesas redondas xirarán en torno a temas como: Camiño Sostible – Ameazas e retos cara ao 2027, a transformación da comunicación en torno ao camiño a través do Podcast, os servizos e valores complementarios na oferta turística deste territorio, a Promoción e internacionalización Turística do Camiño a través de expertos de Portugal, Irlanda e Reino Unido, un relatorio sobre a estratexia slowlight para o camiño e unha última mesa sobre ferramentas tecnolóxicas para a internacionalización turística.
Este foro posiciónase como unha plataforma única para intercambiar ideas e establecer conexións entre os actores crave do Camiño de Santiago cara a Fisterra e Muxía, procurando ser un referente para o sector turístico galego.
Mañá venres, 13 de decembro, é o derradeiro día para inscribirse no foro
Ligazón para a inscrición e programa: https://forms.gle/7g8aH612fJjRnaNF6