A Antoloxía de Nova Galega de Danza enche o Teatro Colón da Coruña tres noites consecutivas esta fin de semana
A deputada Yoya Neira e o director artístico da compañía, Jaime Pablo Díaz, presentaron o evento, que culmina a celebración dos 20 anos da compañía coa interpretacións dos seus espectáculos máis recentes e celebrados
A compañía Nova Galega de Danza, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, desembarca na Coruña esta fin de semana para presentar no Teatro Colón un fito único: unha antoloxía con tres das súas pezas máis celebradas e recentes: Leira, Berro e Dique. Nesta 'Antoloxía de Nova Galega de Danza', a muller toma centro do escenario nunha viaxe a través da terra, a raíz, a memoria, a tradición, a resiliencia, o empoderamento e a fortaleza.
Serán tres noites máxicas na cidade herculina (do 17 ao 19 de xaneiro de 2025, ás 20.00h) que, de seguro, pasarán a formar parte da historia da danza na cidade. Con esta iniciativa, que é posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a compañía botará o pano da celebración do seu 20 aniversario, iniciada a finais de 2023.
Esta mañá tivo lugar a presentación a medios da 'Antoloxía de Nova Galega de Danza' no Teatro Colón da Coruña, na que participaron Jaime Pablo Díaz, director artístico de Nova Galega de Danza; Yoya Neira, deputada de Educación da Deputación da Coruña; a cantante e chelista Rosa Cedrón e o compositor Sergio Moure, colaboradores artísticos habituais de Nova Galega de Danza, que estiveron acompañados polo elenco de bailarinas e bailaríns da compañía, entre eles, o gañador dun Premio Max Iván Villar.
O director de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, destacou: "quero expresar o meu máis profundo agradecemento á Deputación da Coruña por facer posible que a Compañía de Nova Galega de Danza presente os tres espectáculos -Leira, Berro e Dique- nun lugar tan especial como é o Teatro Colón da Coruña. Este teatro ocupa un lugar único no meu corazón, xa que foi aquí onde comecei a miña carreira artística con 16 anos, nunha das aulas do cuarto ou quinto andar, onde estaba o ballet. Foi unha etapa chea de ilusións e retos, e foi neste espazo onde din os meus primeiros pasos profesionais. Volver agora, despois de tantos anos, éncheme dunha emoción indescritible. Cúmprense 20 anos desde que comezou a miña andaina coa Nova Galega de Danza, unha traxectoria que marcou a miña vida tanto a nivel artístico como persoal. Esta viaxe non só reflicte o meu propio crecemento, senón tamén o da empresa, que naceu precisamente nesta cidade, A Coruña. Volver a esta etapa con tres obras tan emblemáticas da nosa historia é un privilexio que me enche de orgullo e gratitude ¡Somos cultura que avanza, somos memoria que late!".
Pola súa banda, Yoya Neira, deputada de Educación da Deputación da Coruña, destacou: "para a Deputación da Coruña é un luxo apoiar esta 'Antoloxía de Nova galega de Danza' e poder compartir e aprender cunha compañía tan querida e respectada. O apoio das administracións públicas á cultura galega debe vir acompañada de orzamentos. Ese é o compromiso da Deputación Provincial da Coruña, que se traduce na celebración dun evento como este. Desde a Deputación Provincial estamos neste camiño: en 2025 o orzamento de cultura viuse incrementado nun 5% fronte ao pasado ano, para que pezas de grandísima calidade, como estas tres de Nova Galega de Danza que veremos no Teatro Colón, poidan ser desfrutadas pola cidadanía. Esta liña de traballo forma parte do noso compromiso coa cultura: dar acceso a ela de modo universal, facendo chegar á cultura galega a todos os recunchos da provincia. Remato agradecendo o traballo incrible da compañía: Grazas pola vosa xenerosidade. É un luxo ver chegar a cultura ao gran público e a gran escala grazas a un proxecto do calado de Nova Galega de Danza".
ENTRADAS E ENCONTRO CO PÚBLICO AO REMATAR A FUNCIÓN DO DOMINGO
As entradas para o acto son gratuítas, previa retirada dos convites a través da plataforma Ataquilla; os convites están xa esgotados desde o seu lanzamento o pasado 19 de decembro, sen embargo, as persoas que retiraron as súas entradas pero finalmente non poidan asistir, poden facer a devolución dos convites ata este venres, 17 de xaneiro, ás 12.00h, no quiosco municipal da Praza de Ourense en ou escribindo un correo electrónico a: gestiontaquillasimce@coruna.gal. As novas entradas dispoñibles poderán retirarse de novo a través da plataforma online Ataquilla.com.
O domingo 19 de xaneiro, unha vez rematada a función de Dique, ás 21.00h, terá un lugar un encontro aberto ao público, no que Jaime Pablo Díaz, director artístico de Nova Galega de Danza, conversará co dramaturgo e investigador teatral Roberto Pascual, director da MIT entre 2009 e 2024.
SOBRE OS ESPECTÁCULOS DA 'ANTOLOXÍA DE NGD NA CORUÑA'
Leira
Venres 17 de xaneiro, 20.00h
O corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica. Día e noite, xornada tras xornada, repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie, habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiro de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os surcos arados na terra. Pero Leira é tamén a sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo; é a celebración dunha Galicia intemporal e máxica. O espectáculo foi galardoado co Premio Max ao mellor intérprete masculino de danza -Iván Villar- en 2021, na XXIV edición dos premios, onde foi tamén finalista como mellor espectáculo de danza.
Berro
Sábado 18 de xaneiro, 20.00h
Berro representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria, que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, a peza amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral -a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa- a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo.
Dique
Domingo 19 de xaneiro, 20.00h
Dique nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar unha historia esquecida. É un espectáculo arredor da memoria local, con raíces no Ferrol natal de Nova Galega de Danza. Unha creación de homenaxe e de reflexión actual a partir da historia. Unha peza universal que fusiona o baile tradicional e a linguaxe contemporánea, característica que desde sempre forma parte da identidade da compañía.
Poucas persoas saben que a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX en España foi escavada por mulleres. Entre 1874 e 1879 executouse a construción do Dique da Campá de Ferrol. Alí, un total de 200 mulleres retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas-. Eran "as estibadoras". E, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes.
No 150 aniversario do inicio da súa construción, Nova Galega de Danza convidou á directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. Un xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena para ofrecer un desafío visual único. A peza explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o lixeiro.
SOBRE NOVA GALEGA DE DANZA
Nova Galega de Danza fusiona en vivo danza e música de raíz galega. Bebe da tradición e da vangarda cunha vocación universal, abrindo unha liña de traballo única ao redor da danza en Galicia. Unha liña que é quen de se aproximar á tradición desde unha ollada contemporánea que lle permite transcender a vivencia tradicional do folclore e darlle un novo sentir. Nos seus xa máis de 20 anos de traxectoria, baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, produciu once espectáculos: Dique (2024), Berro (2023), Credo (2022), Galicia Camiña (2022), Leira (2020), Son (2016), Dez (2013), Ser e Terra (2010), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003).
Entre os galardóns recibidos por NGD destacan o Premio da Cultura Galega en 2021, a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol en 2021, o Premio Max 2021 ao mellor intérprete masculino de danza para Iván Villar, o Premio do Público nas edicións de 2020 e 2016 da MIT de Ribadavia, o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Ciencias e Artes da Representación en 2009, o 2º Premio no I Certame de Creación Coreográfica de Galicia en 2003 e o 4º Premio na I Maratón de Danza de Madrid en 2002.
FUNCIÓNS 'ANTOLOXÍA NOVA GALEGA DE DANZA NA CORUÑA'
Leira | Venres 17 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas
Berro | Sábado 18 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas
Dique | Domingo 19 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas