Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña inviste 3,5 millóns de euros para crear máis de 400 empregos na provincia

Formoso destaca que o programa PEL-Concellos crea emprego e axuda aos concellos rurais a contratar persoal para prestar servizos municipais de calidade

Noventa e un concellos percibirán axudas de entre 19.000 e 75.000 euros para a contratación de persoal

A Deputación da Coruña inviste 3,5 millóns de euros para crear máis de 400 empregos na provincia

A Deputación da Coruña destinará este ano preto de 3,5 millóns de euros a apoiar a contratación de máis de 400 persoas desempregadas a través do programa PEL-Concellos, a liña do Plan de Emprego Local (PEL) que busca fomentar o emprego e mellorar a prestación de servizos municipais.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o "forte compoñente social" deste programa, que favorece especialmente a inserción laboral de persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo. Ademais, subliñou que "PEL-Concellos é unha firme aposta polo rural, xa que proporciona aos concellos pequenos os recursos humanos necesarios para ofrecer servizos de calidade á cidadanía".

Un apoio decisivo para os concellos rurais

O 83,25% dos fondos concedidos (2,9 millóns de euros) destínanse a concellos de menos de 20.000 habitantes, mentres que o 94% dos recursos benefician a municipios de menos de 40.000 habitantes, o que reflicte o compromiso da Deputación co desenvolvemento do rural.

As axudas, que oscilan entre 19.000 e 75.000 euros por concello, permitirán contratar persoal para desempeñar tarefas esenciais como a limpeza viaria, mantemento de espazos públicos, recollida de residuos, abastecemento de auga potable, pavimentación de vías, vixilancia de centros educativos e outros servizos básicos que melloran a calidade de vida da veciñanza.

Prioridade para colectivos con dificultades de inserción

O programa presta especial atención a colectivos vulnerables, promovendo a contratación de mulleres, maiores de 45 anos, persoas desempregadas de longa duración, persoas con discapacidade igual ou superior ao 33%, fogares nos que todos os membros están en paro, vítimas de violencia de xénero e persoas en risco de exclusión social.

Máis de 4.200 empregos creados dende 2016

Dende a súa posta en marcha en 2016, o programa PEL-Concellos facilitou unha oportunidade laboral a máis de 4.200 persoas na provincia da Coruña, consolidándose como unha ferramenta estratéxica para o fomento do emprego local.

Para consultar a resolución completa das axudas, publicada no BOP nº 22 do 3 de febreiro de 2025, pode accederse ao seguinte enlace: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/02/03/2025_0000000603.html.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X