A Deputación abre o prazo de solicitudes do PEL 2025, con axudas de ata 45.900 euros para pequenos negocios e autónomos
O Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación incrementa o seu orzamento ata os 8,6 millóns de euros e conta con liñas para subvencionar contratacións, investimentos que melloren a competitividade das empresas e as cotas á Seguridade Social de persoas autónomas
Todas as axudas son compatibles entre si e darase maior puntuación ás empresas situadas nos concellos de zonas de Transición Xusta de As Pontes e Meirama e ás que non teñan sido beneficiarias en ningunha convocatoria anterior do PEL

A Deputación da Coruña abriu xa o prazo de solicitudes das axudas do Plan de Emprego Local (PEL 2025), que este ano conta cun orzamento inicial de 8.660.000 euros destinados a apoiar a contratación de persoal en empresas, o financiamento de novos investimentos que melloren a competitividade dos pequenos negocios e a sufragar os custos das cotas á Seguridade Social dos profesionais autónomos. As solicitudes poden presentarse ata o 17 de marzo a través da plataforma SUBTeL da Deputación da Coruña.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que o PEL 2025 incrementa o orzamento inicial en 400.000 euros con respecto ao ano pasado e "permitirá seguir axudando ás empresas a crear emprego e impulsando aos profesionais autónomos, aos emprendedores e aos pequenos negocios da provincia da Coruña con axudas que poden chegar ata 45.900 euros".
Formoso destacou o papel do PEL como "un motor do emprego na provincia, e moi especialmente no ámbito rural, onde contribúe a fixar poboación e a crear postos de traballo e novas oportunidades laborais e empresariais nos municipios máis pequenos da provincia", afirmou.
O presidente declarouse tamén "especialmente orgulloso" da Rede de Centros de Coworking da Deputación, creada ao abeiro do PEL e que permitiu xa a 260 emprendedores e emprendedoras da provincia iniciar os seus proxectos de negocio titorizados pola Deputación "nun modelo único en España" baseado na especialización temática de cada un dos centros, o que permite fomentar sinerxias entre os coworkers.
Dos 8.660.000 euros de orzamento inicial do PEL de 2025, 4,7 millóns de euros destinaranse a subvencionar a contratación de persoas traballadoras en pemes e microempresas, 2.760.000 euros a financiar novos investimentos en pequenas empresas situadas en concellos de menos de 10.000 habitantes e 1,2 millóns á liña PEL-Autónomos, que incrementa o orzamento nun 20% con respecto a 2024 ao tratarse dunha das axudas con maior número de solicitudes rexistradas.
Un ano máis, todas as axudas PEL serán compatibles entre si. Deste xeito, unha persoa autónoma con domicilio fiscal e centro de traballo nun concello de menos de 10.000 habitantes podería optar a un total de 45.900 euros entre as liñas de axudas convocadas.
Liña de axudas PEL | Axuda máxima |
PEL-Emprende Investimento | 17.500 € |
PEL-Autónom@s | 2.400 € |
PEL-Pemes Contratación | 15.000 € |
PEL-Pemes Mantemento | 11.000 € |
TOTAL | 45.900 € |
Máis puntuación para empresas situadas en zonas de Transición Xusta
Como novidade, este ano priorízanse por primeira vez nestas axudas ás empresas situadas en concellos coruñeses que teñen asinados convenios de Transición Xusta, de maneira que se garanta que as axudas sirvan para apoiar proxectos empresariais que xeren emprego e desenvolvemento económico das zonas de As Pontes ( Cabanas, A Capela, Cerdido, Mañón, Moeche, Monfero, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño e As Somozas) e Meirama (Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia).
PEL-PEMES financia ata o 70% do salario das novas contratacións
A liña PEL-Pemes para novas contratacións, destinada a pemes, microempresas e autónomos/as que conten con domicilio fiscal e centro de traballo nun concello de menos de 20.000 habitantes, mantén o orzamento do ano pasado, com 3,5 millóns euros.
Cada peme poderá solicitar a subvención para a contratación dun/unha traballador/a durante un período máximo de 12 meses dentro da anualidade 2025, durante os cales a subvención cubrirá ata o 70% dos custos salariais totais da persoa traballadora. O contrato deberá formalizarse por unha duración mínima de 6 meses.
A contía máxima da subvención a conceder será o 70% dos custos estimados de contratación, cun límite de 15.000 euros anuais para as contratacións a xornada completa.
Por outra banda, o orzamento do programa PEL-Pemes para o mantemento do cadro de persoal sobe de 1 millón a 1,2 millóns de euros para sufragar o mantemento dos postos de traballo indefinidos creados con axudas PEL o ano pasado.
Neste caso, a contía máxima da subvención a conceder será o 50% dos custos estimados de contratación co límite de 11.000 euros polo mantemento durante os 12 meses da anualidade 2025 dun contrato indefinido a xornada completa no que a persoa contratada pertenza a algún dos colectivos vulnerables (inscrito como desempregado de longa duración nos Servizos Públicos de Emprego, muller, menor de 30 anos, maior de 45 anos ou persoa con diversidade funcional) e de 10.000 euros polo mantemento durante 12 meses de 2024 dun contrato indefinido a xornada completa ou a parte proporcional correspondente naquelas contratacións realizadas a tempo parcial.
Axudas de 2.400 euros para apoiar aos profesionais autónomos
A Deputación da Coruña recoñece o importante papel que xogan os autónomos no tecido económico provincial e destina en 2025 un total de 1,2 millóns de euros (un 20% máis) á liña PEL-Autónomos, tras a boa acollida que ano tras ano ten este programa, un dos que máis solicitudes recibe.
Unha das principais novidades nesta anualidade é que xa non se require a antigüidade mínima de 5 anos na actividade empresarial, polo que está dirixida a todas as persoas autónomas que se iniciaran recentemente ou a aqueles máis consolidados, sen límite de antigüidade máxima ou mínima na actividade empresarial.
Este cambio débese á boa acollida da liña de axudas extraordinaria creada no ano 2024 para apoiar ás persoas autónomas con máis de cinco anos de traxectoria profesional. Por este motivo, o goberno provincial decidiu eliminar o requisito de antigüidade máxima de 5 anos para poder apoiar a todas as persoas autónomas dos concellos máis pequenos.
Outra das novidades é que se require ter o domicilio fiscal nun concello de menos de 10.000 habitantes, a diferenza do ano anterior que se requiría que fose nun concello de menos de 20.000 habitantes. Este novo requisito está aliñado coa liña estratéxica da Deputación neste mandato, que é loitar contra o despoboamento e priorizar o apoio aos concellos con menor poboación, co fin de promover a economía local dos concellos rurais co obxectivo de facer fronte ao reto demográfico.
As persoas autónomas poden solicitar unha axuda máxima de ata 2.400 euros para sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social, é dicir, 200 euros por cada mes de cota subvencionable. Establécese tamén como requisito que a persoa beneficiaria solicite un mínimo de seis mensualidades de cotas sociais correspondentes o ano 2024, é dicir, unha subvención mínima de 1.200 euros.
PEL-Emprende, 2,7 millóns para fortalecer ás pequenas empresas do rural
Na anualidade 2025 a liña PEL-Emprende Investimento pasa a estar dirixida a persoas autónomas, pemes e microempresas que conten con domicilio fiscal e centro de traballo en concellos da provincia de menos de 10.000 habitantes, co fin de promover a economía local dos concellos rurais co obxectivo de facer fronte ao reto demográfico.
A través desta liña destinaranse 2.760.000 euros en axudas que cubrirán ata o 70% dos investimentos realizados en aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario ou equipos para procesos de información, cun importe máximo a conceder de 17.500 euros. Todos eses elementos deben ser novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.
O prazo de presentación de solicitudes pxa está aberto ata o 17 de marzo de 2025 ás 14.00 horas e realizarase de xeito telemático, a través da plataforma SUBTeL da Deputación: https://sede.dacoruna.gal/subtel/
A Deputación da Coruña, a través do Plan de Emprego Local (PEL), continúa amosando o seu apoio ao tecido empresarial da provincia, co obxectivo de acadar uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión do territorio. Estas axudas tratan de adoptar medidas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da provincia e sostemento dos negocios, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a mellora da competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.
Máis información sobre o Plan de Emprego Local e a tramitación das axudas en: https://pel.gal