Biblioteca Pública Municipal de Narón. Ainhoa González Rodríguez.
"O principal reto reto das bibliotecas coa IA é que todo o persoal das bibliotecas estea formado e permanentemente actualizado con respecto a este tema porque a Intelixencia artificial vai dar unha volta importante ao noso papel.
As bibliotecas van experimentar unha evolución importante e persoalmente estou emocionada coas novas oportunidades que se nos van presentar. A combinación da tecnoloxía coa esencia tradicional da biblioteca mellorará todos os servizos e potenciará máis o compoñente humano e social das bibliotecas." Ainhoa González, Bibliotecaria no Concello de Narón

Proxecto: De Biblioteca a Biblioteca: pequeno percorrido polas bibliotecas da Provincia da Coruña.
Biblioteca Pública Municipal de Narón
Concello: Narón.
Lugar onde está situada: Rúa 25 de xullo, s/n 15570
Horario:
Luns a venres de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 21:00.
Sábados de 10:00 a 13:00.
Teléfono 981382173
Correo electrónico: biblioteca.central@naron.gal
Tamén a través das redes sociais que se especifican noutro apartado.
Web: biblioteca.naron.gal
Catálogo colectivo da rede de bibliotecas de Galicia:
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-suggestions.pl
Redes Sociais:
Facebook: https://www.facebook.com/bpmdenaron/
Twitter (agora X): https://twitter.com/BibliotecaNaron
Instagram: https://www.instagram.com/bibliotecadenaron/
Fondos principais:
A biblioteca conta cun fondo xeral diverso para atender as necesidades informativas,
educativas e de lecer da comunidade. Poderiamos mencionar:
Libros (a maioría do fondo documental da biblioteca):
Ficción: novelas, contos, poesía, teatro, etc.
Non ficción: obras de temática diversa: cociña, viaxes, autoaxuda, ciencia,
tecnoloxía, socioloxía...
Literatura infantil e xuvenil.
Material audiovisual:
Películas en DVD ou Blu-ray.
Documentais.
CDs de música.
Audiolibros.
Publicacións periódicas:
Xornais.
Revistas de distintas temáticas (ciencia, cultura, lecer, cociña, etc.).
Outros materiais:
Ereaders.
Xogos de mesa (este tipo de material só na Axencia de lectura da Gándara).
Historia da Biblioteca:
A biblioteca inaugurouse en febreiro de 1986. Nun primeiro momento situouse en dúas
plantas do coñecido como "Chalé de Antón", unha casa indiana propiedade do concello
de Narón que funcionaba como Casa da Cultura. A biblioteca compartía este edificio
con outros servizos municipais.
En 1997 naceron a Axencia de lectura da Gándara e a Axencia de lectura da Solaina, situadas nas dúas bisbarras máis poboadas do concello.
En 2003 a biblioteca trasládase ao edificio actual, gañando así espazo e a posibilidade de prestar máis servizos.
Principais proxectos e servizos:
Préstamo de materiais.
Solicitudes de adquisicións.
Consulta en sala.
Acceso a Internet e WIFI.
Hemeroteca.
Sección local.
Servizo de referencia.
Formación de usuarios/as.
Actividades culturais e de animación á lectura (clubs de lectura, mesas de
conversa en inglés, obradoiros e contacontos, presentacións de libros,
exposicións artísticas, exposicións bibliográficas...)
Persoa encargada da Biblioteca
Nome e apelidos: Ainhoa González Rodríguez.
Forma de contacto:
Teléfono 981337700, Extensión 2702.
Correo electrónico: a.gonzalez@naron.gal
Breve presentación:
Ainhoa González Rodríguez (Ferrol, 1978), naronesa dende os cinco anos de idade,
estudei no CEIP A Solaina e no IES As Telleiras. Posteriormente diplomeime en
Biblioteconomía e Documentación na Universidade da Coruña (campus de Ferrol),
formando parte da primeira promoción desta carreira.
A miña andadura nos servizos bibliotecarios de Narón comezou en 1998 (aínda non
rematara os meus estudos universitarios) como traballadora a tempo parcial nas dúas
Axencias de lectura.
Dende xaneiro de 2005 son funcionaria de carreira e a persoa responsable dos servizos
bibliotecarios de Narón.
Sempre me interesou seguir formándome en todos os ámbitos cuxos coñecementos
puido aplicar ao meu traballo na biblioteca (redes sociais, aplicacións para bibliotecas,
intelixencia artificial, márketing, xestión de calidade, expurgo, estatística, xestión
orzamentaria, atención ao público, dinamización para nenos/as, dinamización para
público xuvenil, dinamización para adultos/as...)
Considero que esta formación constante ao longo dos anos permitiume mellorar os
servizos bibliotecarios e contribuír á dinamización cultural da biblioteca.
No aspecto persoal, son unha apaixonada das artes escénicas e invisto todo o meu tempo
libre en viaxar por todo o mundo.
Como é o teu día a día na biblioteca:
O meu día a día na biblioteca é dinámico e variado, ningún día é igual ao outro porque
todo o meu tempo de traballo está orientado ao traballo técnico, que depende moito do
momento do ano no que nos atopemos.
En xeral, a miña xornada habitual de traballo pásoa:
Seleccionando novas obras para adquirir.
Xestionando o orzamento para estas adquisicións.
Procesando tecnicamente esas obras (catalogación e clasificación).
Resolvendo dúbidas e consultas a través do correo electrónico.
Xerando contidos para as redes sociais.
Preparando mostras temáticas para difundir a colección da biblioteca.
Deseñando o calendario de actividades de dinamización e animación á lectura.
Levando a loxística destas actividades (contacto coas empresas, xestión das
inscricións...).
E de maneira menos frecuente:
Elaborando informes e estatísticas.
Expurgando os materiais da biblioteca.
Xestionando subvencións.
Organizando actividades ou eventos especiais.
Que papel xoga a túa biblioteca na actualidade e na contorna que atende:
Intentamos que a biblioteca, a través dos seus servizos e as súas propostas, cumpra con
todas as misións que as bibliotecas públicas teñen asignadas.
Promocionamos a lectura e o acceso á información a través dun fondo actualizado e das
diferentes actividades que organizamos para público de todas as idades.
Ofrecemos un espazo de encontro e socialización: é moi satisfactorio ver como se
establecen alianzas entre as familias que acoden ás nosas actividades infantís ou entre as
persoas que participan nas actividades dirixidas ao público adulto.
No pasado ano 2024 organizamos unha especie de Biblioteca Humana á que chamamos
Libros de pel auténtica. Foi tamén unha experiencia clave para fomentar o diálogo
intercultural e favorecer a diversidade cultural.
Para a difusión cultural e creativa organizamos exposicións, faladoiros, presentacións de
libros, conmemoracións de datas clave, que contribúen á reflexión e o debate na
sociedade.
En canto á inclusión social, a nosa biblioteca presta un servizo accesible a toda a
cidadanía.
Colaboramos tamén cos centros escolares da contorna.
Que tarefas desenvolve un profesional bibliotecario hoxe en día:
Cando coñezo algunha persoa nova e sabe que son bibliotecaria, a primeira pregunta
que cae é que que fago durante a miña xornada laboral. As persoas que non son usuarias
de bibliotecas non imaxinan moito máis que a tradicional xestión dos fondos (ou
basicamente o préstamo, devolución e volta do documento ao seu sitio).
Ademais de facer SSSShhhhh (isto é unha brincadeira) un profesional bibliotecario:
Selecciona, adquire, clasifica, cataloga e expurga fondos.
Atende ao público en diferentes procesos e a través de diferentes medios.
Deseña, xestiona e executa actividades de dinamización cultural e promoción da
lectura.
Difunde servizos e actividades a través de redes sociais.
Como te mantés actualizada no teu ámbito profesional:
Procuro formarme en todas as materias de aplicación directa no meu traballo (redes
sociais, aplicacións para bibliotecas, intelixencia artificial, márketing, xestión de
calidade, expurgo, estatística, xestión orzamentaria, atención ao público, dinamización
para nenos/as, dinamización para público xuvenil, dinamización para adultos/as...).
Para iso a Xunta de Galicia ou a Deputación Provincial da Coruña adoitan ter programas
de formación interesantes.
Porén, tamén realizo cursos de formación pola miña conta a través das asociacións
profesionais.
Cada dous anos acudo ao Congreso Nacional de Bibliotecas para manterme actualizada
nas tendencias bibliotecarias do momento e procuro adaptalas á realidade de Narón.
Outra fonte de información máis informal para cuestións do día a día é o grupo de
whatsapp do que formamos parte 147 bibliotecarios e bibliotecarias de Galicia.
Como dinamizas e difundes as actividades e servizos da biblioteca para chegar a
máis xente:
As actividades e servizos da biblioteca difúndense a través de:
Cartelería no propio espazo.
Páxina web da biblioteca e do Concello de Narón.
Redes sociais da biblioteca e do Concello de Narón.
Correo electrónico.
Con todo iso vemos que o que máis efecto produce é o "boca a boca". En xeral, a
cidadanía non se sente parte dun proxecto do que sabe a través dos medios
mencionados e do que pode ter moitas dúbidas, pero si que se considera público
obxectivo se alguén lle di persoalmente "mira, imos facer isto que é tan interesante, que
vai consistir en tal cousa, que vai ser libre e de balde, apetéceche vir?"
Cales son os principais impedimentos para que as bibliotecas sexan un referente na
sociedade:
A pesar de todo o que mencionei sobre o papel que xoga a biblioteca na contorna, creo
que o maior problema para que as bibliotecas non teñan o recoñecemento que merecen é
que aínda hai moitas persoas que descoñecen a súa existencia, o seu labor ou que
simplemente pensan "este servizo non é para min".
Podemos ter máis cartos, máis persoal, un espazo mellor acondicionado, maior
difusión das actividades... Se cando un cidadán ou unha cidadá le que vai haber (por
exemplo) un contacontos para público adulto na biblioteca non se sinte convidado/a, é
que algo estamos facendo mal.
Cales son os teus centros referentes ou profesionais vencellados ás bibliotecas:
Gústame moito fixarme nas bibliotecas que fan propostas interesantes e novidosas e ver
o que puido replicar ou adaptar á realidade de Narón.
Porén, o que ten máis valor para min é o traballo de numerosos compañeiros e
compañeiras que atenden bibliotecas unipersoais, en moitas ocasións facendo tarefas e
asumindo responsabilidades moi por encima da categoría do seu contrato laboral. Todas
elas e eles teñen a miña máxima admiración e respecto.
Como ves o futuro das bibliotecas, que papel terían que desenvolver cando o chat
gpt e a IA xa está no noso día a día.
O principal reto é que todo o persoal das bibliotecas estea formado e permanentemente
actualizado con respecto a este tema porque a Intelixencia artificial vai dar unha volta
importante ao noso papel.
As bibliotecas van experimentar unha evolución importante e persoalmente estou
emocionada coas novas oportunidades que se nos van presentar. A combinación da
tecnoloxía coa esencia tradicional da biblioteca mellorará todos os servizos e potenciará
máis o compoñente humano e social das bibliotecas.
A quen nos propós para que se sexa entrevistado/a.
Propoño a Alberto Llano, bibliotecario de Teo.
Moitas gracias Ainhoa por esta achega e colaborar no proxecto para visibilizar o traballo das Bibliotecas Municipais e aos profesionais que estades sempre aí.