O pleno da Deputación da Coruña aproba unha achega de 100.000 euros para comprar novas embarcacións e equipamento ao Club de Remo Pobra
O convenio, aprobado por unanimidade no pleno de hoxe, cumpre o compromiso expresado polo presidente Valentín González Formoso na súa visita ao club tras o grave incendio que sofreu o pasado xaneiro

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este luns por unanimidade o convenio co Club de Remo Pobra polo que a institución provincial achegará 100.000 euros para a compra de novas embarcacións e material de adestramento e competición, tras o grave incendio que a entidade sofreu nas súa nave o pasado xaneiro e que lle supuxo a perda de todo o equipamento que se almacenaba nela.
Coa aprobación deste convenio, cúmprese o compromiso adquirido polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na súa visita á sede do club o pasado 9 de xaneiro, na que anunciou a concesión desta nominativa para a reposición do material destruído polo lume. Naquela visita, Formoso sinalou tamén que a subvención de 300.000 euros que a Deputación tiña prevista para a ampliación da nave "terá que ser reformulada", en función da localización futura do club, xa que a nave quedou seriamente danada polo incendio.
Ao pleno asistiron o alcalde da Pobra, Jose Carlos Vidal, a tenente alcalde, Patricia Lojo, e representantes do Cub, que foron recibidos polo presidente, ao que agradeceron a colaboración da Deputación para poder recuperar a súa actividade.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, interviu para agradecer o voto favorable de todos os grupos políticos neste punto e anunciou que "nuns días o presidente estará na Pobra para asinar este convenio e axudar ao club na súa recuperación".
Con esta axuda económica da Deputación, o Club de Remo da Pobra poderá adquirir novas embarcacións e material para desenvolver o seu labor. Entre o material recollido no acordo figuran tres traiñeiras de diferentes modelos, catro bateis, tres embarcacións de banco móbil, remos de fibra de carbono, así como máquinas de ximnasio e outro material de adestramento.