Céltiga (Bos Aires, 1924-1932)
Cada semana destacamos unha das obras da mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia". Unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano da fundación da biblioteca ata a actualidade.

A historia da edición coruñesa vese tamén profundamente marcada pola importante emigración galega. Na nosa mostra "Notas para unha edición coruñesa" detémonos tamén na labor desas editoriais, vinculadas dalgún xeito á provincia, que continuaron a súa labor alén das fronteiras.
Un dos proxectos editoriais que desenvolveron a súa labor fora foi a editorial Céltiga de Bos Aires. Esta editorial estaba vinculada á coñecida revista do mesmo nome "Céltiga: Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades", un punto de encontro para a intelectualidade galega emigrada en Bos Aires entre 1924 e 1932, e que tivo entre os seus editores literarios a Eduardo Blanco Amor e a Ramón Suárez Picallo.
Céltiga publica en 1928 "Romances Galegos", o primeiro libro de poemas do escritor Eduardo Blanco Amor, autor que xa residía na capital arxentina. Unha obra que deu pé a súa amizade con Lorca, xa que ambos autores intercambiaron os seus poemarios: "El Romancero gitano" e "Romances galegos".
"Romances Galegos" é unha obra en galego publicada en Arxentina. O autor, moi consciente disto, deixa aos seus lectores un glosario de palabras galegas no que el mesmo fai as definicións. Algo que nos deixa unha idea clara: o galego como unha lingua universal que pode chegar a lectores de todo o mundo.