Estás en:Emprego

Regueira pon en valor o tecido empresarial da comarca na presentación do Plan de Promoción de Barbanza Arousa

A Mancomunidade Barbanza Arousa presentou onte en Rianxo o seu plan de promoción ás empresas do sector turístico para o 2025

O vicepresidente, Xosé Regueira, que participou na mesa redonda "A Promoción Turística do Destino", sinalou que "o turismo son os empresarios do sector que ofrecen oportunidades e benestar para a poboación residente"

Regueira pon en valor o tecido empresarial da comarca na presentación do Plan de Promoción de Barbanza Arousa

O Pazo do Martelo de Rianxo acolleu onte a presentación do Plan de Promoción de Barbanza Arousa para este ano 2025. Un acto que reuniu ao sector empresarial da comarca para abordar as diferentes accións que se desenvolverán ao longo do ano 2025 no eido da promoción, e que contou coa participación do vicepresidente, Xosé Regueira.

Concretamente, Regueira participou na mesa redonda "A Promoción Turística do Destino", xunto ao director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o produtor audiovisual Lesmes Iglesias; o representante da adega Entre Os Ríos César Crusat, e o representante do restaurante O Curral do Marqués Alberto Carou, ambas as dúas empresas do sector enogastronómico do territorio. A mesa estivo moderada por Fátima Cachafeiro, xerente da mancomunidade Barbanza Arousa.

Durante a súa intervención, Regueira puxo en valor o traballo do tecido empresarial de Barbanza Arousa, "un exemplo de compromiso, innovación, calidade e profesionalización". Neste sentido, referiuse á necesaria colaboración público – privada: "cando todas administracións traballamos, como neste caso, man a man coas empresas, os resultados son sempre excepcionais". E é que, tal e como destacou, "o turismo son os empresarios do sector que ofrecen oportunidades e benestar para a poboación residente". 

O vicepresidente apuntou que para a Deputación é "un orgullo" colaborar con entidades como a Mancomunidade Barbanza Arousa "na promoción dun territorio único non só polas súas incribles paisaxes, senón tamén pola súa historia, cultura, gastronomía e por suposto, a súa xente".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X