Estás en:Emprego

Valentín González Formoso enxalza en Malpica ás cantareiras “que fixeron da nosa tradición oral un legado de orgullo e dignidade”

presidente da Deputación asistiu hoxe en Malpica ao acto de conmemoría do Día das Letras organizado pola Real Academia Galega

Valentín González Formoso enxalza en Malpica ás cantareiras “que fixeron da nosa tradición oral un legado de orgullo e dignidade”

O Centro Cívico e Cultural de Malpica acolleu este sábado 17 de maio a sesión extraordinaria e pública do pleno da Real Academia Galega (RAG) con motivo do Día das Letras Galegas 2025, que este ano rende homenaxe ás cantareiras, protagonistas fundamentais da transmisión oral da cultura galega.

Ao acto asistiron numerosas autoridades, entre elas o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, os conselleiros de Cultura e Educación ou e o alcalde de Malpica, entre outros.

A Real Academia Galega recoñeceu nesta edición o labor das mulleres que, a través do canto tradicional, foron quen de preservar e transmitir a poesía popular galega de xeración en xeración. As homenaxeadas foron sete cantareiras: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia Garrido e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica.

Ao remate do acto, o presidente da Deputación destacou a importancia desta homenaxe "As cantareiras fixeron da nosa tradición oral un legado de orgullo e identidade. Grazas a elas, moitas veces de xeito anónimo e sen recoñecemento público, Galicia mantivo vivo o seu xeito de sentir e de contar o mundo."

Formoso subliñou ademais que a celebración deste ano "recoñece tamén o papel fundamental das mulleres na cultura galega, esas que coa súa voz transmitiron moito máis ca cancións".

O evento contou tamén coa actuación das Tanxugueiras, que, co seu estilo contemporáneo, fixeron resoar a forza da tradición oral nun escenario cheo de emoción e simbolismo.

Este Día das Letras Galegas tamén serviu para lembrar que a tradición oral, lonxe de ser cousa do pasado, segue a ser unha fonte viva de inspiración, unha forma de expresión colectiva e un xeito de manter aceso o facho da lingua e da cultura propias.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X