Cultura da Deputación organiza as xornadas ‘Do deseño tamén se come e se bebe’ ao abeiro do novo premio Luís Seoane
Reunirán na Fundación Luís Seoane, o 13 e 14 de xuño, dez dos mellores estudos do grafismo galego sobre produtos alimentarios
O programa aberto ao público, estudantes e profesionais e coordinado polo comisario do certame, Pepe Barro, inclúe dúas clases maxistrais e conversas con emprendedores do sector

O mellor do deseño galego sobre produtos alimentarios citarase os días 13 e 14 de xuño na sede da Fundación Luís Seoane coruñesa polas xornadas 'Do deseño tamén se come', unha proposta do departamento de Cultura da Deputación ao abeiro do novo premio Luís Seoane de Deseño, que nos próximos días dará a coñecer o seu primeiro gañador.
O comisario do certame, Pepe Barro, coordina un encontro aberto ao público, estudantes e profesionais, que terán a oportunidade de achegarse ao traballo de Guillotina Estudo, Cenlitros, Desoños, Uqui Permui, Imaxe, Studio Teiga, Costa, Elga Lamas e Rebeca Ces, entre outros estudos participantes. Falarán polo miúdo da identidade gráfica dos produtos que deseñan, desde as galletas Maruxas de nata á cervexa Estrella Galicia, os ovos do Pazo de Vilane, o Queique de Ordes, a empanada Millo verde ou o queixo Cortes de Muar.
O programa inclúe dúas clases maxistrais: a do catalán Àlex Gobern, actual presidente da ADG-FAD, que conta con vinte e cinco anos de experiencia traballando para marcas relevantes, e a de Eduardo Aires, o máis recoñecido dos deseñadores portugueses. Tamén compartirán experiencias, en conversas con Barros, dous emprendedores do sector, Nuria Varela-Portas, do Pazo de Vilane, e Xosé Ramón Durán, CEO de Terra de Asorei.
Sobre a pertinencia das xornadas explícase o comisario: "O deseño gráfico ten un papel estratéxico no sector agroalimentario, o cuarto de Galicia en número de persoas traballadoras". "En realidade", engadiu, "sería o segundo, pois esa cifra chega ás 55.000, se lle sumamos o sector pesqueiro". "Cremos, pois, de grande importancia e interese que, con este encontro, os nosos produtos falen ben de si mesmos e transmitan a súa calidade e a súa identidade aos clientes potenciais e ao público xeral».
Programa