Estás en:Emprego

“Arte, diversidade e inclusión danse a man para transformar a sociedade” na décima edición de DiversidArte

O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación de DiversidArte 2025, que celebra o seu décimo aniversario co apoio da área de cultura da Deputación

A deputada de cultura, Natividade González, salientou que este festival "é unha declaración de principios; unha demostración de que a arte non entende de barreiras"

“Arte, diversidade e inclusión danse a man para transformar a sociedade” na décima edición de DiversidArte

O Pazo Provincial da Deputación acolleu esta mañá a presentación de DiversidArte Festival das Artes Inclusivas, impulsado pola asociación Poten100mos, co apoio da área de cultura da Deputación, que chega á súa décima edición convertendo A Coruña no epicentro da cultura inclusiva. Do 6 ao 15 de xuño, a cidade acollerá actividades gratuítas, concertos, proxeccións e espectáculos únicos onde a diversidade e a paz social son protagonistas.

A deputada de cultura, Natividade González, participou na presentación do festival, onde "arte, diversidade e inclusión danse a man para transformar a sociedade". Ademais, salientou que "é moito máis que un festival; pois é unha declaración de principios, unha demostración de que a arte non entende de barreiras, que o talento non se mide pola norma, e que a cultura, cando é para todas, é máis rica, máis xusta e máis fermosa".

"Dende a área de cultura, un ano máis apostamos por proxectos coma estes, tan necesarios para a nosa provincia, a través de recursos económicos que vós, as entidades, transformades en iniciativas tan fermosas" engadiu a deputada, que tamén agradeceu o traballo de todas as persoas que fan posible o festival, "asociación Poten100mos, entidades colaboradores, artistas e público". "Porque DiversidArte é tamén unha festa da dignidade, do respecto, da creatividade compartida. Un canto colectivo á diferenza como valor".

Dende o 2016, DiversidArte deu voz a máis de 600 artistas en situación de vulnerabilidade, promovendo unha sociedade inclusiva e plural. Nesta edición histórica, o festival reúne a máis de 45 artistas, o 84% pertencentes a colectivos con diversidade funcional, sexual, racial ou en risco de exclusión. Arte sobre rodas; concurso de cine social; flashmob; actuacións musicais ou contacontos son algunhas das actividades que encherán as rúas da Coruña do 6 ao 15 de xuño.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X