Estás en:Emprego

O deputado de Deportes visita ao Oroso Pádel Club feminino, flamante campión galego que representará a Galicia no Máster Internacional de Valencia

As deportistas viaxan hoxe a Valencia, onde se disputa esta fin de semana unha proba que reunirá aos mellores equipos de España e outros países

O deputado de Deportes visita ao Oroso Pádel Club feminino, flamante campión galego que representará a Galicia no Máster Internacional de Valencia

O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, visitou onte ao equipo feminino do Oroso Pádel Club para felicitalas polos seus recentes éxitos deportivos e trasladarlles o apoio da Deputación da Coruña antes da súa participación no Máster Internacional de 500 e Future, que se celebra esta fin de semana en Valencia.

O equipo vén de proclamarse campión de Galicia na categoría Future, facendo historia ao converterse no primeiro equipo do club en acadar este título. Como campioas autonómicas, as deportistas representarán a Galicia no Máster Internacional, onde competirán cos mellores equipos de todo o Estado e tamén con equipos doutros países como Portugal, Italia e Suecia.

Durante a visita, o deputado desexoulles sorte nesta nova etapa competitiva e expresou "o orgullo que supón para toda a provincia e para o deporte galego que un equipo como o de Oroso leve o nome de Galicia tan alto". Leira destacou tamén o papel da Deputación como un dos principais patrocinadores institucionais do equipo e puxo en valor "o esforzo, o compromiso e a traxectoria meteórica dun grupo de xogadoras que en apenas dous anos conseguiron un fito histórico".

O equipo feminino do Oroso Pádel Club iniciou a súa andaina na competición hai só un ano e medio, comezando na cuarta división de Future, o grupo máis baixo da categoría. Tras unha primeira tempada impecable, conseguiron o ascenso e, xa na presente campaña 2024/2025, lograron situarse na primeira división, rematando como líderes da Fase Regular Zonal de Future Galicia Norte e proclamándose campioas galegas tras vencer tamén na Fase Interseries entre os mellores equipos do norte e sur de Galicia.

Todo isto mentres lideran tamén a Liga Galega por Equipos de Clubes, coa vista posta noutro posible ascenso.

O club e, especialmente, o seu equipo feminino, quixeron agradecer publicamente o apoio recibido por parte da súa afección e da Deputación da Coruña ao longo deste intenso e exitoso percorrido

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X