A Deputación escolle as vinte propostas gañadoras do I Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social
Repartiranse 298.433 euros, en achegas de entre 7.500 e 22.500 euros
"A calidade e diversidade das propostas recibidas confirman que na nosa provincia hai un tecido cultural vivo, innovador e profundamente implicado na transformación social", destaca a deputada de Cultura, Natividade González

A Deputación da Coruña fixo públicos os 20 proxectos gañadores do I Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social. O investimento final é de 298.433 euros, que se repartirán en achegas de entre 7.500 e 22.500 euros.
Proxectos premiados
Un espectáculo interactivo de música e pintura para a cativada; unha historia de memoria, colonialismo e identidade na Coruña; unha montaxe teatral sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais; un videopodcast televisivo sobre a cultura galega; unha curtametraxe de animación; un proxecto de maquetas accesibles do patrimonio industrial coruñés; un filme documental sobre a vida e legado de Alexandre Finisterre, e un programa pedagóxico sobre mulleres na ciencia son algunhas das propostas seleccionadas.
"Estamos moi satisfeitos coa acollida que tivo esta primeira edición do Fondo", sinalou a deputada de Cultura, Natividade González. "A calidade e diversidade das propostas recibidas confirman que na nosa provincia hai un tecido cultural vivo, innovador e profundamente implicado la transformación social".
Para González, "os vinte proxectos seleccionados destacan non só polo seu valor artístico, histórico ou pedagóxico, senón tamén pola súa capacidade para xerar impacto positivo na comunidade, promovendo a inclusión, a igualdade, a sostibilidade e o acceso á cultura desde enfoques creativos e comprometidos co territorio". "Este fondo nace con ese espírito e seguiremos traballando para consolidalo como unha ferramenta estable de apoio ao sector".
A listaxe dos vinte proxectos premiados está publicada no BOP do 6 de xuño.