Rianxo acolle este domingo a primeira regata do IV Circuíto de Piragüismo Deputación da Coruña
260 rapaces e rapazas de 6 a 16 anos participan na actividade

Este domingo 7 de xuño, o municipio de Rianxo acollerá a primeira das cinco regatas do IV Circuíto de Piragüismo en Augas Tranquilas Deputación da Coruña, unha competición que se celebrará ao longo do verán en distintos concellos da provincia. Outes, Miño, Ames e Narón acollerán as seguintes xornadas dun circuíto que promove o deporte base, os hábitos saudables e a posta en valor dos nosos ríos e paisaxes.
O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, destacou que "o circuíto de piragüismo é unha das grandes apostas da Deputación polo deporte de base e polos deportes que se practican no medio natural, cunha longa tradición na nosa provincia e nos que Galicia leva décadas sendo referente a nivel nacional".
Segundo Leira, "este circuíto non só fomenta a práctica deportiva desde idades temperás, senón que tamén promove valores como o esforzo, a superación e o respecto polo medio ambiente".
A competición, organizada en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo, reunirá a 260 rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos das categorías Pre-benxamín, Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete, tanto en embarcacións individuais como dobres. As probas celebraranse en circuítos adaptados en augas tranquilas e baixo estritas medidas de seguridade, cun percorrido de entre 1.500 e 3.000 metros segundo a categoría.
O deputado tamén salientou que a inclusión tamén ten un papel destacado neste circuíto, que conta con categorías específicas para deportistas con diversidade funcional (paracanoe).
Os clubs participantes competirán por medallas individuais e por trofeos por equipos en cada xornada, e por unha clasificación final ao remate das cinco regatas. O circuíto reparte premios en material deportivo e supón tamén un impulso para a economía local dos municipios sede, grazas ao turismo deportivo.
"A nosa intención é consolidar este circuíto como unha cita fixa de cada verán no calendario deportivo provincial. Non só visibiliza un deporte que é parte da nosa identidade, senón que leva actividade e vida a vilas de toda a provincia", concluíu Leira.
A seguinte proba do circuíto terá lugar en Outes o vindeiro 22 de xuño.