Estás en:Emprego

Regina Giménez gaña o XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica coa obra “Pensar un paisaje”

Os dous accésits para bolsas de formación nun curso do Máster sobre obra gráfica, recaeron en Pawel Delekta, pola obra "Lapidarum III", e Tomás Pariente, por "Stripsafter Richter. r XVIII"

Das 206 obras presentadas, o xurado escolleu outras vinte e seis, ademais das premiadas, para formar parte da exposición itinerante do certame

Regina Giménez gaña o XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica coa obra “Pensar un paisaje”

A barcelonesa Regina Giménez é a gañadora do XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica con "Pensar un paisaje", una obra que, segundo o xurado "destaca pola súa frescura no uso da cor, combinando formas ludicamente sinxelas, pero de alta complexidade conceptual e simbólica". Os dous accésits, para bolsas de formación nun curso do Máster sobre obra gráfica, recaeron en Pawel Delekta, pola obra "Lapidarum III", e Tomás Pariente, por "Stripsafter Richter. r XVIII".

A deputada de cultura, Natividade González, presidiu o xurado, que se reuniu na sede de Fundación CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea, en Betanzos, e que formaron José Andrés Santiago Iglesias, José María Luna Aguilar, João Rosa Guerra Prates, Antonia Fraga Lombardero e María Rosario Sarmiento Escalona. Como secretaria actuou Manuela Lorenzo Rodríguez, xefa a sección de Educación e Cultura.

Tamén estiveron presentes, sen voz nin voto, Pedro González Galilea, director da Fundación e comisario do certame; María Sánchez Pena, administrativa da Fundación, e Marcos Sánchez, da empresa A Forxa Producións, coordinadora dos premios e certames convocados.

Natividade González agradeceu a colaboración de todos os asistentes e destacou a calidade e o número de obras presentadas 206, "o que fala da importancia e do impacto que ten o premio no ámbito internacional da arte gráfica".

Pedro González Galilea manifestou o agradecemento á Deputación por manter o Premio desde o ano 2006 de xeito ininterrompido, "conseguindo que sexa un referente no campo da obra gráfica". Salientou tamén "a importancia de que se faga un catálogo das obras que compoñen a exposición itinerante do certame, xa que moitos outros limítanse a un premio e, neste caso, queda o catálogo como referente".

Precisamente a exposición itinerante estará composta este ano por vinte e nove obras; as tres premiadas e estas outras vinte e seis que escolleu o xurado.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X