Regueira inaugura na Laracha a nova mostra expositiva do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte
O vicepresidente fixo esta mañá, acompañado do alcalde, José Manuel López Varela, unha visita inaugural á exposición, que é o resultado dun proxecto de remusealización financiado pola Deputación cun importe de 38.600€
Regueira destacou o "labor importante na recuperación do patrimonio", e referiuse ao museo como un "centro que xogou un papel importante no pasado e vai xogar outro destacado no futuro, xa que por situación xeográfica pode ser referente dun itinerario que inclúa Soandres e o Castro de Montes Claros"

O vicepresidente, Xosé Regueira, estivo esta mañá no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, acompañado do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, para inaugurar a nova mostra expositiva que é o resultado do proxecto de remusealización desenvolvido grazas ao apoio da entidade provincial cunha achega de 38.600€, o 80% do orzamento total.
A finalidade da iniciativa é dar un impulso ao museo e modernizalo desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcional para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes despois de máis de quince anos desde a apertura do centro. Potenciar o atractivo turístico dos contidos do museo, con novos paneis e material audiovisual, tamén significa poñer en valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños de auga como elementos fundamentais da historia do termo municipal da Laracha.
Tanto o vicepresidente como o alcalde da Laracha valoraron a cooperación e o bo entendemento entre ambas administracións para facer realidade o proxecto.
Xosé Regueira destacou o "labor importante na recuperación do patrimonio" realizado entre Deputación e Concello, e referiuse ao museo como un "centro que xogou un papel importante no pasado e vai xogar outro destacado no futuro, xa que por situación xeográfica pode ser referente dun itinerario que inclúa Soandres e o Castro de Montes Claros", ademais de citar o proxecto Os fogóns do Anllóns co que a Deputación está a potenciar ese río que discorre tamén moi preto de Golmar.
José Manuel López Varela explicou que "detectamos que tiñamos que darlle un novo aire ao museo", e mostrouse satisfeito co resultado xa que agora "podemos ofrecer unha instalación máis didáctica, educativa e cultural". Concluíu afirmando que "ademais de poñer en valor os muíños e a reitoral, queremos que a xente acuda a visitar o museo e desfrutar del", citando con carácter especial aos "grupos de escolares para que veñan descubrir o noso patrimonio e un centro de referencia na Costa da Morte e na provincia da Coruña".
Durante os últimos anos o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte albergou diversidade de iniciativas culturais e educativas tanto para o público infantil como para o xuvenil e adulto centradas no coidado do medio ambiente e na recuperación da memoria rural do municipio, tan relacionada co campo, a agricultura e, por tanto, cos muíños de auga. Esta actividade levouno a obter o recoñecemento como Centro Azul que outorga a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC). No acto de hoxe aproveitouse, tamén, para izar a bandeira con ese distintivo.
No momento actual as visitas ao museo de Golmar son exclusivas para grupos e deben ser concertadas previamente. Os interesados deben contactar co Concello ou coa Oficina de Información Turística municipal.