A Deputación presentará o 9 de xullo en Cabanas a nova web turística “Eume Vivo”
O vicepresidente, Xosé Regueira, acudirá á presentación deste proxecto, que forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Fragas do Eume
O acto terá lugar na Escola Laica do Concello de Cabanas ás 10:30h

O vindeiro 9 de xullo de 2025, ás 10:30h, a Escola Laica do Concello de Cabanas albergará a presentación pública da nova páxina web turística da Comarca do Eume, impulsada pola Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos da Comarca do Eume. Un acto que contará coa participación do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira.
Esta web turística forma parte dunha actuación de transición dixital contemplada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Fragas do Eume", promovido pola Deputación da Coruña e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
EUMEVIVO presentase como o centro da estratexia online do destino co obxectivo da dar a coñecer os recursos turísticos dispoñibles no territorio así como ofrecer información verídica e de calidade tanto ao turista como á poboación local e aos axentes do sector. A páxina disporá dun espazo dedicado ao turista e outro dedicado aos profesionais do sector.
Durante o evento contarase coas intervencións do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e o equipo de Flying Pigs, creadores da páxina web. Ademais, asistirán os representantes da Asociación de Concellos da Comarca do Eume involucrados no desenvolvemento e execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Fragas do Eume". Ademais, invitaranse a empresas do sector turístico para que poidan coñecer as particularidades da páxina web. O evento tamén estará aberto ao público xeral.