Estás en:Emprego

Proxecto: De Biblioteca a Biblioteca: pequeno percorrido polas bibliotecas da Provincia da Coruña

Datos da Biblioteca
Concello: Betanzos
Lugar onde está ubicada: antigo convento de San Domingos, na rúa Emilio Romay, 1.
Nome: Biblioteca Municipal A. Castelao de Betanzos
Horario: de luns a venres, de 9 a 14h e de 16 a 20h. Entre o 15 de xuño e o 15 de setembro abrimos só de mañá.
Forma de contacto: 981771946 biblioteca@betanzos.gal
Web: bam.betanzos.gal
Catálogo: https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-search.pl?idx=&q=&branch_group_limit_txt=Betanzos+%E2%80%93+Biblioteca+P%C3%BAblica+Municipal+A.+Castelao+de+Betanzos&branch_group_limit=branch%3ACBM009
Redes Sociais: Instagram e Facebook @BAMbetanzos
Fondos principais: Somos unha pequena biblioteca municipal orientada sobre todo á dinamización da lectura, polo que entre os nosos fondos predominan a novela e o apartado de literatura infantil e xuvenil. Neste campo tamén temos un importante fondo informativo. No caso dos adultos tamén é chamativo o noso fondo local, ligado a obras que estean relacionadas ca cidade.
Historia da Biblioteca: Oficialmente foi inaugurada en 1947 aínda que temos constancia de que é a evolución dunha biblioteca anterior que existía na cidade dende finais do XIX. Pasou por diferentes localizacións ata o seu traslado definitivo ao ex-convento de San Domingos, onde comparte espazo e persoal co Arquivo Municipal de Betanzos e o Museo das Mariñas.
Principais proxectos e servizos: O noso principal obxectivo é achegar a lectura á veciñanza e ofrecer un espazo de ocio aberto a todo o mundo. Temos varios clubs de lectura, realizamos a actividade Paseos Librescos na que mesturamos o noso fondo co patrimonio da cidade ou intentamos realizar actividades vinculadas ao arquivo e ao museo para que toda a familia teña acceso aos nosos fondos.
Volumen documental e tipo de fondo que alberga: Na actualidade contamos cun fondo de máis de 25.000 volumes, onde a maioría é prestable, e nos que destacaría o fondo infantil e xuvenil ou o das novelas de adulto e o fondo local.

Persoa encargada da Biblioteca
Nome e apelidos: Ángel Arcay Barral
Forma de contacto ( se se quere): angel.arcay@betanzos.gal
Breve presentación: Son Ángel Arcay, o director do Museo das Mariñas e do Arquivo e a Biblioteca Municipal de Betanzos.
Foto ( adxunto)
A túa formación, e experiencia profesional relacionada co mundo das bibliotecas ou arquivos: Son licenciado en Historia ca especialización en Patrimonio Bibliográfico e Documental. Tamén teño o Mestrado en Historia e Patrimonio ca especialización en arquivos. Traballei case sempre no campo da arquivística, en todo tipo de centros, dende arquivos xudiciais a municipais, privados, universitarios ou culturais. Dende o 2022 asumo a dirección do que chamamos BAM Betanzos, que é a combinación da Biblioteca, o Arquivo e o Museo da cidade.
Cómo é o teu día a día na biblioteca: Un non parar! Ao ter que estar pendente das tres institucións, cada día sempre é unha sorpresa. Non contamos con todo o persoal que nos gustaría nin temos o espazo máis acaido para ter os nosos fondos, pero pouco a pouco imos sacando o traballo o mellor que podemos. A nosa biblioteca aínda está considerada como unha sala de estudo pero pouco a pouco imos mudando esa visión, tratando de ofrecer continuamente mostras bibliográficas, actividades ou todo tipo de recursos para que a xente se achegue a coñecernos. Imos medrando en usuarios e modernizando os fondos, polo que miramos ao futuro con certo optimismo. Traballamos moito con centros de ensino e asociacións, que cando veñen de visita ao museo tamén aproveitamos para que coñezan o arquivo e a biblioteca.
Qué papel xoga a túa biblioteca na actualidade e na contorna que atende: Ao formar parte dese colectivo que é a BAM, penso que a biblioteca é vista como un centro cultural no que achegar o noso pasado á veciñanza, por iso ata aquí veñen todo tipo de perfís interesándose por asuntos do máis diverso. Pouco a pouco imos creando unha marca que a xente vai coñecendo e que nos vai tendo como un referente da axenda cultural da cidade.
Qué tarefas desenvolve un profesional bibliotecario hoxe en día: Nesta rede de pequenas bibliotecas municipais que hai por Galicia, penso que un profesional ten que desenvolver unha importante tarefa de difusión dos fondos e de tratar de achegalos á veciñanza, polo tanto debe saber tratar ca xente e cos usurarios e usuarias que atende. Logo, dependendo da implicación de cadaquén, as tarefas poden ser infinitas. De feito penso que todos coñecemos exemplos exitosos onde a persoa encargada da biblioteca acaba sendo un referente da comunidade local polo seu traballo. Así que máis alá das tarefas diarias propias dunha biblioteca, existen moitas outras disciplinas que debe coñecer, partindo por unha afección á lectura para poder falar dos fondos que custodia; coñecementos informáticos para poder deseñar e difundir todo o que se fai na biblioteca e certo interese por estar ao día das novidades que se van producindo no sector.
Cómo te mantés actualizado no teu ámbito profesional: Intento estar ao tanto do que fan outras compañeiras, case sempre vendo o que fan por redes sociais. A maiores intento estar ao tanto de publicacións e encontros profesionais que aborden contidos relacionados co meu posto de traballo.
Cómo dinamizas e difundes as actividades e servizos da biblioteca para chegar a máis xente: A canle principal son as redes sociais da biblioteca e a información que aportamos no propio centro. Logo o Concello de Betanzos conta con vías propias de comunicación (whatsapp veciñal, redes sociais, páxina web) que chegan a un número de persoas moito maior. Ademais de enviar toda a información que podemos aos medios de comunicación, colaboramos mensualmente cun xornal de tirada local que se reparte gratuitamente polas casas e que nos permite achegar o que facemos a toda a veciñanza.
Cales son os principais impedimentos para que as bibliotecas sexan un referente na sociedade: Na miña opinión, penso que en moitos lugares as bibliotecas aínda están identificadas con lugares cultos e elitistas ou, pola contra, con salas de estudo pechadas nas que hai que estar en silencio. E penso que unha biblioteca pode ser un lugar no que ler ou estudar en silencio mais debe ser tamén un lugar de referencia para achegarse a todo tipo de coñecementos de forma lúdica, ten que ser un punto de encontro para toda a familia e un lugar que ofreza un espazo de ocio libre e de balde para que pequenos e maiores poidan pasar o seu tempo libre. E penso que hai moitas compañeiras que si que conseguen ser referentes na súa comunidade a través do traballo na biblioteca.
Cales son os teus centros referentes ou profesionais vencellandos ás bibliotecas: Penso que hai moita xente facendo cousas moi interesantes no sector. Por proximidade supoño que teño como referentes a varias compañeiras das Bibliotecas Municipais da Coruña por esa comunidade que conseguen crear ao redor dos seus centros. Pero para min tamén son referentes todas esas compañeiras que defenden o posto en bibliotecas onde só existe unha traballadora para desenvolver todas as tarefas do día a día e que son referentes nas súas vilas por crear unha rede cultural ao redor da biblioteca.
Como ves o futuro das bibliotecas, qué papel terían que desenvolver cando o chat gpt e a IA xa está no noso día a día: Penso que non hai que terlle medo á tecnoloxía, que todo pode axudar a que avancemos e progresemos, tamén no noso traballo. Pero a curto prazo non vexo que poida ter demasiada incidencia na nosa labor. Sigo crendo que a xente prefire interactuar ca súa bibliotecaria a preguntarlle a chatgpt.
A quén nos propós para que se sexa entrevistado: A Sira González, das Bibliotecas Municipais da Coruña.
Outras cousas que queiras aportar

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X