A deputada de cultura, Natividade González, visita a Real Academia Galega de Belas Artes
O presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo e o secretario Felipe – Senén López recibiron á deputada, nunha cita á que tamén asistiron os académicos Xurxo Lobato e Xosé Manuel Casabella
A visita está enmarcada no convenio anual polo que, cun importe de 20.000€ a entidade provincial financia a súa programación cultural

A deputada de cultura, Natividade González visitou a Real Academia Galega de Belas Artes, recibida polo presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo e o secretario, Felipe – Senén López, nunha cita á que tamén asistiron os académicos Xurxo Lobato e Xosé Manuel Casabella. A visita enmárcase no convenio anual mediante o que, cunha achega de 20.000 €, a Deputación financia actividades culturais como o ciclo 'Martes das Artes'.
Así, a deputada anunciou a súa intención de renovar o acordo entre ambas institucións, co obxectivo de apoiar parte da programación cultural da Academia destinada a promover a cultura e o patrimonio galego entre a cidadanía e agradeceu o labor "incansable" da Academia "na defensa, estudo e promoción das artes e do patrimonio cultural do noso país".
"Para a Deputación é unha honra colaborar coa Academia, que non é só un espazo de pensamento e investigación, senón tamén un axente activo, que impulsa proxectos, difunde coñecemento e garante que o noso patrimonio —material e inmaterial— non quede no esquecemento, senón que viva, respire e dialogue co presente" sinalou Natividade González. "A cultura é un dereito e unha ferramenta poderosa para construír futuro. E, sen institucións coma esta, esa tarefa sería moito máis difícil".
Faladoiros, conferencias, proxeccións de cine ou presentacións de libros son algunhas das actividades financiadas durante o pasado exercicio pola Deputación, que se celebraron cada martes na sede da Real Academia na Coruña ou outras localizacións da provincia, cedidas para actividades do ciclo. Todas as actividades foron de balde e tiñan como obxectivo contribuír a difundir a cultura e o patrimonio galego.