‘Maré’ e ‘Narices!’ gañan o XX Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación
'Maré', un proxecto de Manuel Barreiro Rozados e Elías Oliver Taño, impúxose na categoría xeral, mentres que 'Narices!', de Giovanna Lopalco, venceu na modalidade de literatura infantil e xuvenil
Cada obra é recoñecida cunha dotación económica de 6.500 euros

A área de cultura da Deputación da Coruña vén de facer pública a decisión do xurado do XX Premio Castelao de Banda Deseñada, un certame que cada ano reafirma o compromiso da institución co apoio á creación artística e á posta en valor do talento literario e gráfico, tanto no ámbito xeral como na literatura infantil e xuvenil (LIX). Ambas categorías están dotadas cun premio de 6.500 euros para a obra gañadora.
Na modalidade xeral, a obra galardoada foi 'Maré', un proxecto de Manuel Barreiro Rozados e Elías Oliver Taño. O xurado destacou a potencia e o impacto da súa proposta gráfica, que, cun estilo singular, evoca o imaxinario da clase obreira e do mundo mariñeiro, ofrecendo unha narrativa visual profundamente coherente co relato que sustenta o proxecto.
Pola súa parte, na modalidade LIX, a obra premiada foi 'Narices!', da autora Giovanna Lopalco. A decisión foi unánime, e o xurado quixo salientar a orixinalidade do proxecto, o seu estilo fresco e persoal, así como o seu carácter dinámico e lúdico. 'Narices!' propón unha experiencia de xogo que, ademais de entreter, amosa un gran potencial de futuro no ámbito da literatura xuvenil.
A decisión foi tomada polo xurado reunido no Pazo Provincial o 7 de xullo, baixo a presidencia de Natividade González, deputada de cultura, e coa participación das gañadoras da anterior edición, Sandra Lodi e Laura Suarez Fernández, e de especialistas do ámbito cultural: Tomás Guerreiro García, Sara Prieto Puy e Pablo Prado Fernández. A presidenta agradeceu "a implicación das persoas integrantes do xurado" e sinalou que, por criterio de obxectividade, decidiu non participar no debate nin facer uso do seu dereito ao voto.
O Premio Castelao de banda deseñada, convocado pola Deputación da Coruña e que celebra neste 2025 a súa vixésima edición, representa un firme respaldo ás creadoras e creadores que escollen a banda deseñada como medio de expresión artística. É, tamén, un recoñecemento ao valor cultural desta disciplina e ao seu papel fundamental na promoción da lingua galega, da identidade colectiva e da imaxinación creadora.