Estás en:Emprego

A elite do fútbol cadete cítase no I Torneo Internacional Sub16 Bergantiños Football Cup, que patrocina a Deputación

Bergantiños, Celta, Deportivo, Barcelona, Atlético de Madrid, Porto, Athletic Club, Valencia, Real Sociedad e o combinado xaponés Next Japan Under Armour competirán polo trofeo do 5 ao 7 de setembro no campo carballés das Eiroas

"Para unha administración que inviste unha gran cantidade de recursos públicos no deporte de base, contar cunha competición destas características no ámbito provincial é algo moi importante", sinalou o vicepresidente Xosé Regueira na presentación hoxe do torneo

A elite do fútbol cadete cítase no I Torneo Internacional Sub16 Bergantiños Football Cup, que patrocina a Deputación

A Deputación da Coruña aposta pola promoción do fútbol base co patrocinio do I Torneo Internacional Sub16 Bergantiños Football Cup. Bergantiños, Celta, Deportivo, Barcelona, Atlético de Madrid, Porto, Athletic Club, Valencia, Real Sociedad e o combinado xaponés Next Japan Under Armour competirán polo trofeo do 5 ao 7 de setembro no campo carballés das Eiroas.

O torneo, organizado polo Bergantiños FC, presentouse esta mañá na casa do concello de Carballo, nunha rolda de prensa na que participaron o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Carballo, Evencio Ferrero e Daniel Pérez; e o presidente do club, Luciano Calvo, e outros representantes da entidade deportiva carballesa.

Regueira desculpou a ausencia do deputado de Deportes, Antonio Leira, de viaxe institucional en Escocia, e agradeceulle ao Bergantiños que se puxese en contacto coa Deputación para pedir a súa colaboración no patrocinio do torneo. "Para unha administración que inviste unha gran cantidade de recursos públicos no deporte de base, contar cunha competición destas características no ámbito provincial é algo moi importante".

"Ademais", engadiu o vicepresidente, "deunos pé a saldar unha débeda que tiñamos co Bergan dende hai tempo, pero na reunión que mantivemos co club coincidimos inmediatamente en que este é un torneo singular que vai destacar sen dúbida no mundo do fútbol da provincia, e por iso para a Deputación é un orgullo colaborar na súa organización".

Regueira mostrouse convencido de que o torneo vai ser un éxito: "Nas Eiroas imos ver talentos dos que, en moi pouco tempo, poderemos desfrutar na Liga de Primeira División española e en competicións internacionais". "E eu agardo", rematou, "que os xogadores do Bergantiños poidan competir con eles a un bo nivel e que este torneo nos sirva a todos para seguir facendo canteira e que o Bergan continúe recollendo éxitos".

A competición
O formato de competición promete emocións: partidos de 40 minutos, sistema de liguiña e dous grupos cuxos dous primeiros clasificados pasarán a semifinais. A final disputarase o domingo ás 13 horas. No grupo A competirán o Barcelona, Porto, Celta, Athletic Club e Under Amor, e no grupo B Atlético de Madrid, Valencia, Real Sociedad, Deportivo e Bergantiños.

O torneo acollerá tamén un amistoso entre os equipos cadetes femininos do Bergantiños e do Val naronés, e un partido "genuine" ‒modalidade na que participan xogadores con discapacidade intelectual e que promove a inclusión social a través del deporte‒ e que enfrontará ao Deportivo da Coruña e ao Racing Vilalbés.

O torneo, no que se instalarán postos de comida e de xeadería, complétase con actividades paralelas, como animación para a cativada e música de DJ.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X