Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña impulsa en Ordes a formación dos clubs deportivos da comarca

O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou hoxe na terceira xornada do programa provincial de formación para entidades deportivas, centrada no uso da IA na xestión dos clubs e na aprendizaxe de técnicas de soporte vital básico

A Deputación da Coruña impulsa en Ordes a formación dos clubs deportivos da comarca

A Deputación da Coruña continúa desenvolvendo o seu novo programa de formación para entidades deportivas de base, que hoxe celebrou en Ordes a súa terceira xornada formativa. O encontro contou coa participación do deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, e reuniu a representantes de clubs deportivos da comarca interesados en mellorar as súas competencias en xestión, tecnoloxía ou seguridade.

Durante a sesión, que tivo lugar no salón de plenos do Concello de Ordes, os asistentes participaron en dúas formacións especializadas. A primeira, impartida polo experto en innovación deportiva Juanma Murúa, abordou o uso das aplicacións de intelixencia artificial para a xestión dos clubs deportivos, poñendo o foco nas ferramentas que poden facilitar a organización administrativa, a comunicación cos socios e o seguimento dos adestramentos. Na segunda parte da tarde, o profesor da Universidade de Vigo Roberto Barcala dirixiu un obradoiro práctico sobre Soporte Vital Básico (RCP e DESA), orientado a técnicos e monitoras deportivas, que aprenderon manobras de reanimación e o uso do desfibrilador en situacións de emerxencia.

O deputado Antonio Leira destacou que esta iniciativa "nace directamente das necesidades expresadas polos clubs deportivos da provincia", detectadas tras unha enquisa realizada pola Deputación á que responderon máis de 240 deportistas e representantes de clubs de 60 concellos e 40 modalidades deportivas diferentes. "O deporte de base na provincia da Coruña é un motor social e educativo de primeira orde, pero tamén precisa apoio para modernizar a súa xestión, adaptarse á realidade dixital e seguir ofrecendo oportunidades á mocidade", sinalou.

Leira lembrou que a Deputación dedica este ano 4,3 millóns de euros en axudas directas ao tecido deportivo, e subliñou que o novo programa de formación "complementa ese apoio económico cunha aposta pola profesionalización e o fortalecemento das entidades". "Estas xornadas están pensadas para dotar aos clubs das ferramentas prácticas que necesitan, desde o manexo da comunicación e os patrocinios ata a prevención de riscos e a inclusión no deporte", engadiu.

O calendario formativo, que se iniciou o 3 de outubro nas Pontes e continuará ata o 21 de novembro en Boiro, inclúe sesións en oito concellos da provincia: As Pontes, Dumbría, Ordes, Carballo, Santiago, Arzúa, Betanzos e Boiro. As persoas interesadas en participar nas próximas citas poden inscribirse xa a través da ligazón dispoñible na web da Deputación da Coruña (https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfWzIMq-zE-alWYbuyaygGD2Eq6qPM4st8pqve5MD09vlJlvw/viewform).

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X