Estás en:Emprego

Asociacións protectoras de animais da provincia da Coruña reciben un curso para tratar os cans con medo que viven nos refuxios e casas de acollida

Máis de 30 traballadores/as e voluntarios/as de protectoras de animais da provincia participaron nun curso organizado pola Sección de Medio Ambiente da Deputación para tratar o medo dos cans acollidos nos refuxios.

A fin do curso é facilitar a adopción destes animais e, en todo caso, mellorar a súa calidade de vida.

Asociacións protectoras de animais da provincia da Coruña reciben un curso para tratar os cans con medo que viven nos refuxios e casas de acollida

Moitos dos cans acollidos nas protectoras de animais sufriron graves traumas ao longo das súas vidas. Estes cans adoitan ser pouco sociables e, ante a imposibilidade de fuxir, ás veces actúan con agresividade. Isto provoca que sexan animais difíciles de entregar en adopción e, en todo caso, non teñen unha vida feliz.

Esta realidade, que se vive cada día nas protectoras de animais, foi posto en coñecemento da Sección de Medio Ambiente da Deputación da Coruña por entidades como a Asociación Protectora de Animais Domésticos do Noroeste (APADAN), e solicitaron que formásemos ao persoal que traballa, ou colabora, con eles sobre o medo dos cans que viven en refuxios e casas de casas de acollida e a forma de tratar os traumas destes animais.

A Deputación da Coruña púxose en contacto con Más que guau entidade especializada en cans con problemas de comportamento e cuxos docentes, Santi Vidal e Eli Hinojosa, son referentes a nivel estatal, e difunden a educación canina en positivo, cun método de traballo no que prima a comunicación e o respecto cos cans.

Banner do curso

Os días 18 e 19 de outubro de 2025 impartiuse na Coruña o curso, Medo en cans acollidos en protectoras ao que asistiron máis de 30 traballadores/as e voluntarios/as das distintas asociacións que se adican ao coidado e á defensa dos animais domésticos en toda a provincia. Un programa intensivo de 16 horas que foi moi valorado polas persoas asistentes que destacaron grande a profesionalidade, e implicación co benestar animal, dos docentes, e os coñecementos acadados que poderán ser postos en práctica directamente cos cans ao seu cargo.

Dende a Sección de Medio Ambiente da Deputación da Coruña queremos agradecer a estas entidades a súa enorme labor a prol dos animais domésticos sen fogar, e o seu esforzo por formarse e ofrecer un trato especializado e adaptado ás necesidades individuais de cada animal acollido nos refuxios e casas de acollida.

Peche do curso

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X