A Deputación da Coruña investirá 850.000 euros na mellora do estadio municipal Verónica Boquete de Santiago
O convenio, cun orzamento total de 1,29 millóns de euros, irá ao pleno de outubro e inclúe a reparación integral de fachadas, cubertas e soportais, así como melloras nas zonas interiores de presidencia e cafetería
A Deputación da Coruña levará ao pleno deste mes de outubro a aprobación dun investimento de 850.000 euros destinado á rehabilitación do estadio municipal Verónica Boquete de San Lázaro, en Santiago de Compostela. A achega provincial cubrirá o 65,7 % do orzamento total, que ascende a 1.292.790 euros, en virtude do convenio de colaboración co Concello de Santiago.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o proxecto dá cumprimento ao compromiso adquirido coa cidade e co seu club de fútbol. "Ao igual que fixemos en Riazor na Coruña e na Malata en Ferrol, a Deputación colaborará no financiamento das obras de mellora do estadio compostelán, unha infraestrutura de referencia para o deporte galego que precisa actualización e mantemento", sinalou o presidente, que visitará o recinto nas próximas semanas acompañado da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
O proxecto das obras para o estadio compostelán recolle a aplicación das medidas correctoras do estudo integral de patoloxías do estadio, que ten unha capacidade para 13.000 espectadores e conta cun aparcadoiro para 2.000 vehículos.
As actuacións previstas inclúen a reparación integral das fachadas, cubertas e soportais, así como diversas melloras interiores. En concreto, o plan contempla a limpeza, pintado e selado de xuntas nas fachadas con revestimentos elásticos e masillas especiais, e a substitución da carpintería de muro cortina na Porta 1.
Na cuberta prevese a reparación de todas as xuntas entre placas e a aplicación dun novo sistema impermeabilizante de poliuretano con acabado antiescorregadizo, ademais da reposición dos paneis de policarbonato que separan distintos tramos por módulos novos e máis resistentes. Tamén se repararán e pintarán as pilastras e soportais con pintura anticarbonatación para protexer o formigón, e acometeranse melloras interiores como o pintado das particións e falsos teitos da zona de presidencia e a substitución do falso teito e paneis decorativos da cafetería.
O proxecto prevé un prazo total de execución de catro meses, divididos en catro sectores de obra que abranguen a totalidade do perímetro do estadio. Cada sector comprenderá un mes de traballo, coordinado para minimizar o impacto sobre a actividade deportiva e o tráfico da zona.
Formoso destacou que esta nova achega "é un exemplo máis da colaboración institucional da Deputación da Coruña cos concellos da provincia para mellorar as súas infraestruturas deportivas, favorecer a práctica do deporte e poñer en valor espazos emblemáticos que son tamén parte do patrimonio colectivo da cidadanía".
