Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña apoia o Trofeo Viravolta-Jael, que trae a Santiago á elite mundial da ximnasia rítmica

O evento, de carácter solidario, reunirá máis de 800 deportistas de 62 clubs e destinará a recadación á Asociación de Cáncer Infantil e Xuvenil de Galicia

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destaca que o evento "sitúa a Galicia no mapa internacional da ximnasia rítimica"

A Deputación da Coruña apoia o Trofeo Viravolta-Jael, que trae a Santiago á elite mundial da ximnasia rítmica

A Deputación da Coruña colabora un ano máis co Trofeo Viravolta-Jael, unha cita de referencia internacional na ximnasia rítmica que converterá Santiago de Compostela no epicentro deste deporte durante a fin de semana. O evento, que se celebrará no Multiusos do Sar, reunirá a máis de 800 deportistas pertencentes a 62 clubs, ademais de contar coa participación dalgunhas das mellores ximnastas do mundo.

Entre as participantes destacan figuras de primeiro nivel como Darja Varfolomeev, campioa olímpica en París; Anastasia Simakova, ouro por equipos e bronce no aro no Mundial de Río; as italianas Tara Dragas, Alice Talietti, Sofía Aciobanitei e Jasmine Ramilo; e a selección española sénior, tres veces campioa de Europa e medallista de bronce mundial.

O programa incluirá competicións individuais e por conxuntos o sábado pola mañá, unha gala internacional na sesión da tarde e, o domingo, as probas masculinas e de base. Como antesala, o venres haberá unha masterclass impartida por Tara Dragas no pavillón de Pontepedriña.

Apoio ao deporte e aos valores sociais

A Deputación da Coruña destaca o carácter deportivo, formativo e solidario do evento, que destinará toda a recadación das entradas —cun prezo único de 10 euros— á Asociación de Cáncer Infantil e Xuvenil de Galicia.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, subliñou que "este trofeo é un exemplo de como o deporte pode unir excelencia, compromiso social e proxección internacional. Galicia e Santiago convértense durante estes días nun escaparate da mellor ximnasia rítmica do mundo, pero tamén dun modelo de deporte con valores e incidiu en que o Trofeo Viravolta-Jael "contribúe a inspirar ás novas xeracións de ximnastas galegas e a situar Galicia no mapa da ximnasia mundial".

A presidenta do Club Viravolta, Wendy Rey, agradeceu o apoio das administracións e lembrou que o torneo "é moito máis ca unha exhibición atlética: é música, emoción e solidariedade". Pola súa banda, o director de Jael, José María Fernández, salientou o crecemento do proxecto: "Hoxe temos xa unha relevancia internacional; hai ximnastas que reservan cada ano a data da gala Viravolta-Jael".

A Deputación da Coruña anima á cidadanía a achegarse ao Multiusos do Sar e gozar dun evento único, que combina deporte, espectáculo e solidariedade, e que sitúa unha vez máis a provincia como referente en organización de grandes eventos deportivos.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X