A Deputación acolle o acto de entrega da IX edición dos Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual
O Pazo Provincial converteuse esta mañá no escenario de posta de largo deste certame, que premiou a Xurxo González, Valeria Gómez, Aldara Pagán, Adrián Canoura e Ione Monje
A deputada de cultura, Natividade González, fixo entrega dun dos premios, e destacou que "hoxe non só entregamos premios: celebramos o talento, a ilusión e a capacidade do audiovisual galego para contar as nosas historias e para levar Galicia polo mundo adiante"
O Pazo Provincial da Deputación da Coruña acolleu esta mañá o acto de entrega dos IX Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual da Academia Galega do Audiovisual, que anunciou hoxe os nomes dos galardoados. Nesta edición, recoñecéronse dous videoensaios e tres ensaios escritos, que recibirán un trofeo e unha dotación económica. Esta iniciativa pioneira conta co respaldo da Deputación da Coruña.
A deputada de cultura, Natividade González, fixo entrega dun dos galardóns, nun acto no que tamén participaron Lucía Regueiro, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Iria Castro, deputada responsábel da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra.
"Para a Deputación da Coruña é unha honra ser a anfitrioa deste ano. Facémolo con orgullo e coa idea de que a cultura é algo que nos une e que nos fai medrar como sociedade" sinalou Natividade González. "Hoxe non só entregamos premios: celebramos o talento, a ilusión e a capacidade do audiovisual galego para contar as nosas historias e para levar Galicia polo mundo adiante". Ademais, a deputada puxo en valor a figura de María Luz Morales: "unha pioneira, unha muller valente e adiantada ao seu tempo. Foi a primeira muller directora dun xornal diario en todo o Estado, cando se puxo á fronte de La Vanguardia. Pasou momentos moi duros, sufriu as represalias do franquismo e quitáronlle o carné de xornalista, pero nunca deixaron de escoitar a súa voz. Seguiu traballando, escribindo e abrindo camiños para as mulleres que viñeron despois".
Proxectos premiados
A titular de cultura entregou o premio accésit a Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional a Aldara Pagán por "Antes de que o mundo aconteza. A memoria mineral dentro do cine experimental", galardoado pola aproximación innovadora ao cinema experimental, atendendo aos elementos non humanos e ofrecendo unha perspectiva poética e orixinal sobre o audiovisual das marxes.
Nesta mesma categoría, o accésit correspondeu a "A estética queer, o camp e as distintas formas de representación transxénero no audiovisual contemporáneo", de Valeria Gómez, destacando o xurado o rigor da súa investigación, a capacidade de conectar filmes descoñecidos con outros de culto ou populares, e a reflexión profunda sobre a evolución do cinema queer e a estética camp na contemporaneidade.
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego, o premio foi para "Bowery New York: unha alfaia do cinema galego", de Xurxo González. O xurado valorou a orixinalidade do tema, a investigación sobre unha cineasta que podería ser a primeira de Galicia e a aposta por saírse do canon establecido, reivindicando o cinema amador desde unha perspectiva feminina.
Na categoría de Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional o recoñecemento recaeu en "Jean Epstein: unha inmensidade de mar. O cinema como marea e pensamento", de Adrián Canoura, polo coidado na montaxe, a combinación de imaxes, son e pantalla partida, e a capacidade de transmitir a fascinación do cineasta polo mar e a súa filosofía cinematográfica. O accésit desta categoría foi para "Bong Joon-ho e a comida", de Ione Monje, que ofrece unha análise sociolóxica e política sobre a relación dos personaxes coa comida na obra do director surcoreano, realizada cunha montaxe coidada e reflexiva.
O xurado desta novena edición estaba formado pola programadora Andrea Franco, a directora, montadora e investigadora Ariadna Cordal e o programador Julio Vilariño.
Os premios levan o nome de María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980), pioneira da crítica cinematográfica en España e figura destacada do xornalismo cultural do século XX. Morales comezou a súa actividade en 1924, asinando baixo un pseudónimo masculino, e chegou a ser a primeira muller en dirixir un xornal de ámbito nacional, La Vanguardia, durante a Guerra Civil Española.
