A Deputación colabora co Concello de Arzúa na celebración da 50ª Festa do Queixo
O vicepresidente, Xosé Regueira, e o alcalde, Xoan Xesús Carril, asinaron un convenio de colaboración mediante o que a institución provincial achega 120.000 euros para a organización dun dos eventos gastronómicos máis importantes de Galicia
A Deputación da Coruña e o Concello de Arzúa veñen de aprobar o convenio de colaboración polo que a institución provincial achega un investimento de 120.000 euros para o financiamento da 50ª Edición da Festa do Queixo de Arzúa, que se celebrou neste ano 2025. Esta achega provincial permite apoiar un dos eventos gastronómicos e culturais máis emblemáticos de Galicia, consolidado como referente na promoción do produto local e da música galega.
O convenio, asinado polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de Arzúa, Xoan Xesús Carril, recolle que o Concello de Arzúa desenvolve o programa de actividades previsto para esta edición especial, que incluíu concertos, accións de promoción e comunicación, edición de materiais conmemorativos e a posta en valor do sector queixeiro.
A Deputación da Coruña destaca o interese público e o valor estratéxico desta colaboración, pola súa contribución á promoción turística e cultural da provincia, ao fortalecemento do sector agroalimentario e á difusión da identidade galega a través dun evento que, ao longo de medio século, converteuse nun símbolo de Arzúa e da provincia da Coruña.
Regueira subliñou que "a Festa do Queixo de Arzúa é unha das grandes exaltacións dos nosos produtos, cun gran impacto socioeconómico, que pon en valor algo tan noso como o queixo, e os saberes e sabores deste territorio tan único". "Pero non so iso", engadiu, "é un símbolo da nosa identidade, e trascende máis aló da gastronomía, incluíndo actividades para todos os públicos relacionadas tamén coa música, o turismo, a divulgación e a cultura. Por iso encaixa á perfección coa nosa estratexia turística, e por iso é para nós un orgullo poder contribuír a que esta cita continúe medrando, facendo país e celebrando a nosa tradición".
