Estás en:Emprego

A Deputación financia con 123.000 euros a renovación do céspede do campo de fútbol municipal de Santiso

O presidente, Valentín González Formoso, e o alcalde de Santiso, Manuel Adán, asinaron un convenio de colaboración entre ambas institucións.

As obras permitirán renovar máis de 5.200 metros cadrados de superficie de xogo, o que beneficiará aos 3 equipos que empregan diariamente estas instalacións.

A Deputación financia con 123.000 euros a renovación do céspede do campo de fútbol municipal de Santiso

Valentín González Formoso e Manuel Adán supervisaron o estado actual do campo de fútbol

A Deputación da Coruña e o Concello de Santiso veñen de formalizar un convenio de cooperación para o cofinanciamento das obras de reposición do céspede artificial no campo de fútbol municipal de Santiso. O acordo permitirá acometer unha actuación moi demandada pola veciñanza e polos clubs locais, que suporá a renovación integral do terreo de xogo despois de máis de vinte anos de uso continuado.

A Deputación achegará un total de 123.000 euros, o que representa o 66,25% do orzamento total da obra, cifrado en 185.648,62 euros, mentres que o Concello completará o financiamento con fondos propios. Na firma do documento participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Santiso, Manuel Adán.

As obras contemplan a retirada do equipamento deportivo e do céspede artificial existente, o acondicionamento e reparación do firme e da canaleta perimetral, e a instalación dun novo céspede de última xeración, con base elástica e materiais homologados segundo o programa FIFA Quality. En total, renovaranse máis de 5.200 metros cadrados de superficie de xogo, co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade e confort para deportistas e usuarias das instalacións.

O campo de fútbol de Santiso, construído hai dúas décadas, acolle actualmente a actividade de tres equipos –un sénior, un de veteranos e un feminino– que adestran e compiten a diario nestas instalacións. A actuación considérase, por tanto, de especial relevancia social e deportiva para o municipio, contribuíndo á promoción do deporte base e á mellora da calidade dos servizos públicos locais.

Con este convenio, a Deputación afonda no seu compromiso coa cooperación cos concellos da provincia, especialmente cos de menor capacidade económica, impulsando investimentos que melloran a vida da cidadanía e fomentan a práctica deportiva en condicións óptimas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X