A Deputación apoia a celebración da XXI Festa do Pan de Carral cunha achega de 40.000 euros
A xornada, celebrada no mes de maio, contou con degustacións, talleres infantís, música, unha feira medieval e espectáculos, entre outras propostas
O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, sinala que "seguiremos apoiando a organización dun evento que une a toda a veciñanza de Carral e que simboliza un sentimento de pertenza"
A Deputación da Coruña apoia con preto de 40.000 euros ao Concello de Carral para a celebración da XXI edición da súa Festa do Pan, unhas xornadas que poñen en valor o produto estrela do municipio.
O 80% do custo de organización do evento foi financiado pola entidade provincial, tal e como se estipula no convenio asinado recentemente entre o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño. O investimento incluíu a contratación de persoal, animación, alugueiros loxísticos e a promoción das xornadas.
A Festa do Pan de Carral é o gran evento gastronómico do municipio, o que se demostra con cifras: durante a celebración repartíronse máis de 6.000 bocadillos cardiosaudables, sendo tamén protagonistas a música e os obradoiros infantís.
Regueira puxo en valor "un evento que une a toda a veciñanza de Carral e que simboliza un sentimento de pertenza", e salientou o seu compromiso "coa promoción deste produto típico a través dun festexo tan relevante para o turismo da provincia".
A Deputación demostrou, un ano máis, a súa vontade de colaboración cos concellos, destacando a importancia de manter viva a diversidade gastronómica e as tradicións da Coruña.
