Estás en:Emprego

A segunda edición de ‘Músicas posíbeis’ ofrecerá en novembro cinco concertos no Teatro Colón

Serán protagonistas do ciclo, organizado polo departamento de Cultura da Deputación, Aida Saco Beiroa, Trinity mais Hernani Faustino, FAIA, María Toro e o proxecto Terreiro Mestiço, que reúne seis recoñecidos intérpretes e instrumentistas de Galicia, Brasil e Portugal

As entradas, de balde, xa se poden reservar na web de Ataquilla

"Neste escenario, durante todo o mes de novembro, imos escoitar voces e sons que mesturan tradición e vangarda, raíces e experimentación, nunha conversa artística que atravesa fronteiras", sinalou a deputada de cultura, Natividade González

A segunda edición de ‘Músicas posíbeis’ ofrecerá en novembro cinco concertos no Teatro Colón

O Teatro Colón acollerá en novembro a segunda edición de 'Músicas posíbeis', o ciclo co que o departamento de Cultura da Deputación da Coruña pretende ofrecer propostas á marxe dos grandes circuítos comerciais, pero con linguaxes e estilos diversos e da máxima calidade e interese cultural.

Aida Saco Beiroa, Trinity mais Hernani Faustino, FAIA, María Toro e o proxecto Terreiro Mestiço –no que a galega Uxía compartirá escenario con outros cinco músicos de Brasil e Portugal– serán protagonistas dun programa no que terán cabida o instrumental con raíces clásicas; a improvisación debedora do jazz, o 'noise' ou o metal; as músicas tradicionais galego-luso-brasileiras, o cruzamento do folclore galego co flamenco e ata o rock progresivo, e a experimentación sonora con cancións de transmisión oral.

Presentou a programación esta mañá no Colón a deputada de Cultura, Natividade González, a quen acompañaron Faia, Mihai Tanasescu, en representación de Aida Saco, e Pablo Rega en representación de Trinity.

A deputada sinalou que "facer ciclos coma este é apostar por unha cultura viva, plural, que non se conforma cos grandes circuítos comerciais, senón que busca novas linguaxes e novos camiños para emocionar e para conectar co público. Músicas posíbeis é tamén unha mostra do talento inmenso que temos en Galicia e da capacidade de diálogo coa creación doutros países. Neste escenario, durante todo o mes de novembro, imos escoitar voces e sons que mesturan tradición e vangarda, raíces e experimentación, nunha conversa artística que atravesa fronteiras".

Os concertos

  • "Urdimes", de Aida Saco Beiroa (2 de novembro, ás 20 horas). A pianista de Rianxo estreará no Teatro Colón o seu espectáculo "Urdimes", acompañada por Regina Laza (violín I), Mihai Tanasescu (violín II), Gigi Mazzucato (viola), Andrea Fernández (violonchelo) e Estefanía Gómez (danza). "Urdimes" –premiado con bolsas do Ministerio de Cultura, en 2022, e da Fundación La Caixa, en 2024– é unha homenaxe a figuras que artellaron a cultura galega, como Castelao, García Lorca ou Maruxa Mallo, e que desenvolveron un vínculo persoal e artístico coa cidade de Nova York. Así, a través das súas propias composicións, a improvisación e a colaboración interdisciplinar con outros artistas, Aida establece unha conexión coa súa obra e vivencias nun espectáculo onde a música de piano e a evocación son protagonistas.
  • Trinity + Hernani Faustino (15 de novembro, ás 20 horas). Trinity –o trío de música improvisada formado polo saxofonista Luis Erades, o guitarrista Pablo Rega e o batería Fernando Lamas– contará no Colón coa colaboración do contrabaixista portugués Hernani Faustino para ofrecer unha proposta que se move polo campo da libre creación e que busca un espazo de diálogo sen límites estilísticos e unha fiestra aberta á exploración da composición instantánea.
  • Terreiro Mestiço (16 de novembro, 20 horas). A galega Uxía (voz e pandeireta); os brasileiros António Nóbrega (voz, violín e guitarra), Ceumar (voz, guitarra e zabomba); e os portugueses Luís Pedro Madeira (guitarra, piano e corda), Manuel Rocha (violín e mandolina) e Quiné Teles (percusión) forman Terreiro Mestiço. Trátase dunha experiencia de intercambio entre músicos e músicas con longas carreiras na recolleita e interpretación dos cancioneiros tradicionais dos seus países. O repertorio que ofrecerán no Colón inclúe pezas icónicas dos seis músicos, nun concerto cunha dimensión festiva para celebrar a creación artística, a diversidade e o diálogo intercultural entre Galicia, Brasil e Portugal.
  • "Mestura", de María Toro (22 de novembro, 20 horas). "Mestura" marca unha nova etapa na carreira de María Toro. A busca e experimentación que caracterizou a súa traxectoria transfórmanse agora nunha conversa de igual a igual entre o jazz, o flamenco, a música clásica, a música popular brasileira, o rock progresivo e o folclore galego, todo baixo a produción de Diego Galaz. Toro (voz, frauta, pandeireta, composicións e dirección) chega ao Colón na compaña de Toño Miguel (contrabaixo), David Sancho (piano e teclados) e Fran Gayo (batería), para ofrecer un espectáculo que terá como convidados a Xosé Lois Romero (percusión tradicional), Lilaina (voz, pandeiretas e percusión tradicional) e Antía Caaveiro (gaita, pandeireta e voz).
  • "Alvela", de FAIA (29 de novembro, 20 horas). "Alvela" é o nome que lle dá título ao novo disco e espectáculo de FAIA, unha proposta íntima cunha forte carga emocional onde o repertorio tradicional dialoga coa experimentación sonora. Nanas, romances e outras cantigas de transmisión oral traspasadas pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e a violencia sistémica que se exerce sobre el. No directo, as sonoridades do disco, marcadas pola presencia fundamental de instrumentos de corda e rexistros sonoros, lévanse a un formato totalmente acústico. A voz de Faia Díaz estará acompañada dunha sección de cordas formada para a ocasión: a arpa da bretoa Bleuenn Le Friec e o cuarteto Suelen Estar Quartet (Elena Vázquez, violín; María José Pámpano, violín e viola; Macarena Montesinos, violonchelo, e Saúl Puga, contrabaixo). Tamén compartirán escenario outros nomes relevantes no proxecto: a artista plástica Blanca Gracia –que porá imaxes á espectáculo– Antía Ameixeiras (violín) e Inés Salvado e Paula Romero, compañeiras de Faia no grupo De Vacas.

As entradas, de balde, xa se poden reservar na web de Ataquilla.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X