Estás en:Emprego

Este domingo 2 de novembro, gala final do Premio Narf con Marián, Belém Tajes e Vimbio, e Caamaño&Ameixeiras como banda convidada

A final terá lugar no seo dunha gala no Salón Teatro de Santiago o vindeiro domingo 2 de novembro ás 19 horas

A deputada de cultura, Natividade González, presentou esta mañá a gala, acompañada de representantes das bandas finalistas e da comisaria, Rocío Castro

Os grupos elixidos son boa mostra da calidade e diversidade que poboa hoxe en día a música galega

Este domingo 2 de novembro, gala final do Premio Narf con Marián, Belém Tajes e Vimbio, e Caamaño&Ameixeiras como banda convidada

Esta mañá presentouse en rolda de prensa a gala final do Premio Narf que terá lugar este domingo 2 de novembro no Salón Teatro de Santiago ás 19 horas, con entrada libre ata completar aforo. O acto tivo lugar no propio teatro e participaron representantes das bandas Marián e Jacobo Castro de Vimbio, finalistas xunto a Belém Tajes; a comisaria do Premio, Rocio Castro, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González.

González destacou que a gala "un ano máis será un espazo para desfrutar, para lembrar a Fran Pérez "Narf", pero sobre todo para reflexionar sobre o papel da música como forma de expresión identitaria e de conexión entre culturas, para recoñecer a excelencia na música e na creación artística dentro do panorama galego, así como promover a proxección dos artistas".

A gala acollerá as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas e o xurado (formado por Daniel Salgado, Ugia Pedreira, Alberto Busto, Noa Díaz e Tomi Legido) decidirá a gañadora, que levará 4.000 euros, a segunda clasificada 2.000 e a terceira 1.500. Durante a súa deliberación, os asistentes poderán disfrutar da actuación de Caamaño&Ameixeiras, un dúo folk máis que consolidado en Galicia que está a conquistar tamén os mercados internacionais.

A final será presentada polo xornalista Luís Pardo, e aos mandos dos efectos visuais estará o artista Iván Torres.

O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Bandas finalistas

  • MARIÁN: Cantante e compositora que está a piques de publicar o seu álbum debut, no que conta coa colaboración de Guadi Galego. Seleccionada na última edición da da aceleradora #SonEmerxente promovida por AGADIC, o xurado destacou dela "a súa calidade vocal, así como os arranxos e a produción".
  • BELEM TAJES: Cantante e compositora, foi parte de bandas como Vudú, Aliboria ou Luar na Lubre. En novembro de 2024 publicou o seu primeiro álbum de longa duración, Amar o mar, un traballo que mestura música tradicional galega e latinoamericana con toques de pop e electrónica. O xurado salientou dela "as letras moi coidadas e unha aposta singular e con personalidade na instrumentación".
  • VIMBIO: Liderados por Álex Arnoso (antes SonDaRúa), esta nova banda xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e dos 2000. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Deles o xurado destacou "o envoltorio de épocas diferentes de poética galega nunha banda de guitarras, máis contundente".
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X