Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña convoca a segunda edición dos seus Premios de Turismo

Recoñecerán o labor de persoas, empresas e entidades que desenvolvan a súa actividade na provincia e que destaquen pola súa traxectoria, innovación e sostibilidade ou por contribuír ao desenvolvemento diferenciador e de calidade do turismo no territorio coruñés

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 12 de novembro

Os gañadores recibirán un galardón conmemorativo nunha gala organizada polo departamento de Turismo provincial que se vai celebrar o 27 de novembro na Coruña

A Deputación da Coruña convoca a segunda edición dos seus Premios de Turismo

Xa está aberta a convocatoria da segunda edición dos Premios de Turismo da Deputación da Coruña, que volverán recoñecer o labor de persoas, empresas e entidades que desenvolvan a súa actividade na provincia e que destaquen pola súa traxectoria, innovación e sostibilidade ou por contribuír ao desenvolvemento diferenciador e de calidade do turismo no territorio coruñés.

Establécense cinco premios nas seguintes categorías:

  1. Mellor iniciativa de innovación, calidade e sostibilidade turística. Para aquelas persoas, empresas ou entidades que desenvolveran proxectos ou programas turísticos destacados pola súa capacidade innovadora, pola calidade dos seus servizos e polo seu compromiso coa sostibilidade, ademais daqueles que fomenten o turismo responsable e respectuoso coa súa contorna. Valorarase a incorporación de accións vinculadas á responsabilidade social, á economía circular, á solidariedade ou á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
  2. Mellor iniciativa da posta en valor da autenticidade do territorio. Para aquelas persoas, empresas ou entidades que desenvolveran accións que puxeran en valor o arraigo e a singularidade do territorio, incluíndo accións de mellora da sostibilidade medioambiental.
  3. Premio ao mellor proxecto de turismo emerxente. Para aquelas persoas ou empresas que, durante os últimos 3 anos (desde xaneiro de 2022), destacaran polos méritos obtidos ou polos resultados dun proxecto.
  4. Premio ao mellor proxecto de turismo enogastronómico. Para aquelas persoas ou empresas que promovan a cociña local e os produtos de proximidade, que poñan en valor a tradición e innovación culinaria, e que contribúan ao desenvolvemento sostible a través da cultura gastronómica.
  5. Premio a toda unha vida dedicada ao turismo. Recoñecemento á persoa, empresa ou entidade que destacase de maneira notoria pola súa traxectoria en calquera ámbito do turismo provincial.

Os gañadores recibirán un galardón conmemorativo, sen dotación económica, nunha gala organizada polo departamento de Turismo provincial que se vai celebrar o 27 de novembro na Coruña.

Ata o 12 de novembro estará aberto o prazo de presentación de candidaturas, que deberán formalizarse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL).

As bases da convocatoria poden consultarse no BOP do 22 de outubro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X